Lugo, 27 de abril de 2022. O Partido Popular da provincia de Lugo organiza, a través da Comisión de Educación, unha mesa sectorial informativa sobre a universidade denominada ‘O Campus Universitario de Lugo como factor de desenvolvemento socioeconómico da provincia’.
A xornada que se desenvolverá o venres 29 de abril a partir das sete da tarde no Salón Raíña do Hotel Méndez Núñez abordará unha breve historia do Campus de Lugo e unha mesa redonda sobre as oportunidades de desenvolvemento dos concellos que contará coa participación de Gonzalo Fernández, decano da Facultade de Humanidades; Mercedes Montes, directora da Escola Universitaria de Relacións Laborais e Roberto Bande, decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas e será moderada pola profesora e concelleira en Lugo, Beatriz Vázquez.
A presidenta da formación, Elena Candia, explica que “con esta mesa sectorial queremos amosar, unha vez máis, o noso compromiso coa búsqueda de ferramentas útiles para o crecemento en emprego e o desenvolvemento das potencialidades da nosa provincia”.
O Partido Popular lucense considera que a formación que se imparte no Campus Universitario de Lugo, especializado na formación “Terra”, debe utilizarse como “factor dinamizador capaz de poñer en valor todas as potencialidades tanto económicas dos recursos agrogandeiros, como culturais, turísticas, de promoción de contornos saudables, etc., que se poden atopar nos concellos da nosa provincia”.
Nese sentido, os populares queren contribuír a “transmitir a información para que se fomenten as sinerxias entre as facultades universitarias e os concellos e empresas do noso territorio co fin de que a formación que reciben os distintos profesionais no campus de Lugo reverta no desenvolvemento socio-económico dos seus lugares de orixe, das nosas vilas e cidades”.