Partido Popular de Lugo

Daniel Vega pon en valor que a Xunta iniciase a mellora do campo da Devesa, facilitando así os adestramentos do Fútbol Club Ribadeo

  • As negociacións e os contactos levados a cabo pola formación que dirixe o voceiro popular, posibilitaron que o Goberno galego achegase 17.000 euros para a renovación do terreo de xogo e dar así unha solución ao problema que tiña o club local
  • Para o voceiro popular “este é o camiño correcto” e adianta que “seguiremos traballando por todas as entidades deportivas porque iso, di, é defender a Ribadeo como pobo”

Ribadeo, 22 de abril 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, pon en valor a colaboración da Xunta de Galicia que permitiu iniciar xa as obras de mellora do campamento da Devesa e dar así unha resposta áxil e eficaz á demanda do Fútbol Club Ribadeo que non tiña un campo no que adestrar.

As negociacións e os contactos levados a cabo pola formación que dirixe Daniel Vega, posibilitaron, concretamente, que o Goberno galego achegase a este fin 17.000 euros e converter estas instalacións de titularidade pública “nun espazo aberto á cidadanía, que pode ser empregado por asociacións deportivas e culturais”.

“Agora temos un campo de fútbol en perfectas condicións, cun terreo de xogo e unha iluminación renovados. Agora pretendemos habilitar unha sala para ximnasio. En definitiva, apunta Vega, seguir apoiando a unha entidade moi importante e destacada na nosa vila”.

Para o voceiro do PP “este é o camiño correcto” e adianta que “seguiremos traballando por todas as entidades deportivas porque iso, di, é defender a Ribadeo como pobo”.