Partido Popular de Lugo

O PP afea a Tomé que manteña fóra de servizo a planta de biogás do centro de recría na granxa Gayoso Castro e esixe a súa inmediata posta en funcionamento

  • Os populares non entenden que a planta aínda non funcione e máis “cando vivimos unha crise enerxética internacional e cando os prezos da enerxía están polas nubes”
  • Este é un exemplo máis, segundo o PP, “da falta de xestión, da ineficacia do goberno bipartito da Deputación, que ten bens e non consigue poñelos en valor”
  • O portavoz popular, Javier Castiñeira, anuncia que “o PP pedirá  no pleno que se poña en servizo o antes posible, como fixo tamén o equipo de goberno do Concello de Castro de Rei, que no seu momento presentou unha moción para que se activase a planta de biogás”
  • Os populares sinalan que “estamos a falar de 300 quilovatios hora de enerxía, que debera estar producindo e xerando aforro e pola falta de xestión e de compromiso do goberno da Deputación de Lugo está aínda parada”
  • Castiñeira tamén destaca que “esta planta podería estar eliminando gran cantidade dos residuos que son xerados polos animais que alí se crían”
  • No PP destacan que, a día de hoxe, o único que dan estas instalacións é gasto, debido ao mantemento dos seus equipos

Lugo, 20 de abril de 2022.  O goberno da Deputación é ineficaz, como quedou xa sobradamente demostrado dende o inicio do actual mandato. Pero hai algúns asuntos nos que a ineficacia resulta clamorosa e claramente prexudicial para os intereses da provincia. É o caso da planta de biogás do centro de recría na Gayoso Castro. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala que “no grupo provincial do PP entendemos que é absolutamente inadmisible que estea parada a planta de biogás do centro de recría de Castro, que custou case millón e medio de euros”. Lembra que “foi deseñada xa hai oito anos e que debería estar xa xerando  enerxía; esa planta, que no seu día foi anunciada polo goberno da Deputación para facer un centro enerxeticamente sostible e para xerar un aforro enerxético, está  parada”. Os populares non entenden por que aínda non funciona, “e máis cando vivimos unha crise enerxética internacional e cando os prezos da enerxía están polas nubes”.

Castiñeira declara: “É unha nova mostra da falta de xestión, da ineficacia do goberno bipartito da Deputación, que ten bens e non consigue poñelos en valor. O PP pedirá  no pleno que se active o antes posible. Así o fixo tamén o equipo de goberno do Concello de Castro de Rei, que no seu momento presentou unha moción para que se activase a planta de biogás”. A día de hoxe esa planta o único que dá é gasto, porque ten un mantemento, unha tecnoloxía e equipamentos que hai que manter mentres non estean en funcionamento.

Para o portavoz popular, “é unha planta importante, ata o punto que no seu día dicíase que era unha das máis grandes de Galicia; despois de tanto tempo esa obxectivo igual se queda un pouco grande”. Asegura que, “en todo caso, estamos a falar de 300 quilovatios hora de enerxía, que debera estar producindo e xerando aforro e pola falta de xestión e de compromiso do goberno da Deputación de Lugo está aínda parada”.

Castiñeira tamén destaca que “esta planta podería estar eliminando gran cantidade dos residuos que son xerados polo animais que alí se cría; pecharíase así o ciclo, que o goberno provincial, inexplicablemente, non é capaz de pechar e por iso pedimos que cantos antes poña en servizo esta planta.