- “O que puideron apreciar os visitantes foron contedores cheos de lixo, rúas nas que non se practica o baldeo ou áreas recreativas sen mantemento. Non houbo traballo porque non houbo dedicación”, denuncia
- No caso do coñecido areal, o que houbo foron “atascos inmensos”, debido á falta de aparcadoiros polo conflito existente entre o Concello e os propietarios, “a quen os do BNG lles queren expropiar as fincas a modo de regalo”, critica
Ribadeo, 18 de abril 2022. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, denuncia que “a falta de planificación e de traballo do goberno do BNG viuse esta Semana Santa, con rúas sucias e grandes atascos nas Catedrais por non ter solventado o tema do aparcadoiro”.
“Todos vimos que moita xente nos visitou estes días e se en algo coincidían é no sucio que estaba Ribadeo”. Ben é certo, indica, que este asunto non é algo novidoso, pois dende a formación popular levan incidindo nel dende que se iniciou a lexislatura actual. “O que puideron apreciar os visitantes foron contedores cheos de lixo, rúas nas que non se practica o baldeo ou áreas recreativas sen mantemento. Non houbo traballo porque non houbo dedicación”. Por tanto, destaca Vega, “o que temos é un goberno que só está a cumprir o expediente e non centrado en trasladar unha boa imaxe do noso pobo. Resulta inadmisible que aquelas persoas que viñeron por primeira vez, o que visen foron os contedores repletos e, nos puntos onde se concentraba a maior actividade, o lixo desbordaba”, insiste.
Atascos nas Catedrais
Para Daniel Vega proba de que “non hai un cariño por Ribadeo” é o que aconteceu tamén noutro dos reclamos turísticos máis destacados da vila e da Mariña, a praia das Catedrais. Neste lugar, advirte o popular, o que houbo foron “atascos inmensos”, debido á falta de aparcadoiros polo conflito existente entre o Concello e os propietarios, “a quen os do BNG lles queren expropiar as fincas a modo de regalo”, critica o popular. Esta situación, di, foi a que provocou que moitos turistas se fosen para Barreiros, Foz e outros concellos da contorna. “Isto evidencia unha gran falta de programación turística e dunha falta de vontade dun goberno para facer atractivo o municipio e, por tanto, para que o turismo repercuta en beneficio da vila”, conclúe Vega.