Partido Popular de Lugo

O PP alerta de que Monforte se desentende das persoas dependentes ao ser o concello da Zona Sur coa porcentaxe máis baixa na atención a domicilio

  • Así o revelan a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias, e a voceira do Grupo Municipal, Katy Varela, logo de visitar a un dos beneficiarios deste servizo que lidera a Xunta de Galicia, achegando para o seu desenvolvemento nesta comarca case 3 millóns de euros.
  • “Os datos son os que dan e quitan razóns e, neste caso, son alarmantes e preocupantes”, advirte Arias, quen detalla que, no resto de Concellos -Pantón, Sober, O Saviñao, Bóveda, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil-, a ratio de atención supera o 80%. No caso do da cidade do Cabe esta baixa ao 55%.
  • Varela lamenta ter que “sacar á luz” esta información que demostra “a mala xestión do goberno socialista”; de aí que lle pida a Tomé que “se poña a traballar e solucione os problemas reais de Monforte”.
  • “Temos unha poboación envellecida que merece ser atendida e proporcionarlle os medios necesarios para que teñan a mellor calidade de vida posible debe ser unha obriga irrenunciable”, defende a voceira do PP.

Monforte de Lemos, 13 de abril de 2022. O Partido Popular alerta de que Monforte é o concello da Zona Sur coa porcentaxe máis baixa na atención a domicilio, o que demostra o escaso interese do goberno local deste municipio por atender ás persoas que máis o precisan. Así o revelan a deputada do Grupo Parlamentario Popular, Raquel Arias, e a voceira do Grupo Municipal, Katy Varela, logo de visitar a un dos beneficiarios deste servizo que lidera a Xunta de Galicia. Só esta comarca recibe do Goberno galego para esta fin case 3 millóns de euros.

“Os datos son os que dan e quitan razóns e, neste caso, son alarmantes e preocupantes”, advirte Arias, quen, previamente, solicitou por escrito e polos canais legais dita información ao goberno autonómico. E é que no resto de Concellos, é dicir, Pantón, Sober, O Saviñao, Bóveda, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil; a ratio de atención supera o 80%. No caso do da cidade do Cabe esta baixa ao 55%.

Katy Varela agradece o traballo da deputada autonómica, pois “queda claro que o alcalde Tomé está máis preocupado de si mesmo que dos que máis o precisan. E iso que dixo que dos 7 días que ten a semana, 4 llos adicaba a Monforte…”, critica a voceira do PP.

Neste senso, Varela lamenta ter que “sacar á luz” este datos que demostran “a mala xestión do goberno socialista, deixando a Monforte en moi mal lugar con respecto ao resto da comarca”. Por iso, pídelle ao rexedor socialista que “se poña a traballar e solucione os problemas reais de Monforte”. É o caso, di, do abastecemento de auga ou este que menciona, xa que “temos unha poboación envellecida que merece ser atendida e proporcionarlle os medios necesarios para que teñan a mellor calidade de vida posible debe ser unha obriga irrenunciable”, defende.

Implicación do Goberno galego

En contraposición a Monforte, as dúas representantes do PP poñen en valor o esforzo que realizan outros gobernos ao abeiro desta prestación. “A Xunta de Galicia paga este servizo e ademais estase a implicar na súa mellora”. Proba delo, indica Raquel Arias, é que xa anunciou a súa vontade de simplificar os trámites burocráticos que conleva a tramitación da dependencia. Ademais, no tocante á colaboración financieira cos Concellos, a administración autonómica negociou coa FEGAMP o incremento de achega económica. En base a este acordo, a Xunta subirá un 24% a súa aportación o ao longo desta lexislatura, pasando de 9,7 euros a 12 no ano 2024.

“Estamos, por tanto, ante unha cuestión de vontade política, xa que non hai ningunha xustificación de por que Monforte ten unha cobertura tan baixa. Se O Saviñao, Sober ou Ribas de Sil si que se preocupan polos seus maiores, por que o Sr. Tomé non fai o mesmo? Francamente ter que revelar esta deixadez e este desentendemento é ata desagradable, pois a calquera alcalde se lle presume que vai mirar polos seus veciños. No caso que nos ocupa, xa vemos que non”, expón a deputada na Cámara do Hórreo.

O SAF, ao detalle na Zona Sur

Segundo a información facilitada á deputada autonómica a atención do SAF é a seguinte nesta comarca:

MONFORTE DE LEMOS

Monforte ten 76.380 horas anuais de SAF asignadas (6.365 mensuais) polas cales a Xunta pon á súa disposición 840.000€ (11€/hora).

En febreiro de 2022, a ratio de atención no Concello é do 55%: 124 beneficiarios atendidos e 101 pendentes (3 de grao III, 16 de grao II e 82 de grao I).

Das horas mensuais asignadas, 6.118 están sendo efectivamente prestadas e 247 están dispoñibles. Coas horas dispoñibles poden atender ás 3 persoas pendentes con grao III e a 2 de grao II.

O SAVIÑAO

O Saviñao ten 70.356 horas anuais de SAF asignadas (5.863 mensuais) polas cales a Xunta pon á súa disposición máis de 770.000€ (11€/hora).

En febreiro de 2022, a ratio de atención no Concello é do 91%: hai 163 beneficiarios atendidos e 16 pendentes (1 de grao III e 15 de grao I).

Das horas mensuais asignadas, 5.748 están sendo efectivamente prestadas e 115 están dispoñibles. Coas horas dispoñibles poderían atender ao beneficiario que se atopa á espera cun grao III e a 5 dos que teñen grao I).

BÓVEDA

Bóveda ten 9.288 horas anuais de SAF asignadas (774 mensuais) polas cales a Xunta pon á súa disposición 100.000€ (11€/hora).

En febreiro de 2022, a ratio de atención no Concello é do 100%, con 14 persoas atendidas, a totalidade.

Das horas mensuais asignadas, están empregando 545.

A POBRA DO BROLLÓN

A Pobra do Brollón ten 15.204 horas anuais de SAF asignadas (1.267 mensuais) polas cales a Xunta pon á súa disposición preto de 170.000€ (11€/hora).

En febreiro de 2022, a ratio de atención no Concello é do 91%: 42 persoas atendidas e 4 pendentes (1 de grao III e 3 de grao 1).

Das horas mensuais asignadas, 1.142 están sendo efectivamente prestadas e 125 están dispoñibles. Coas horas dispoñibles pode atender a toda a demanda pendente.

PANTÓN

Pantón ten 26.760 horas anuais de SAF asignadas (2.230 mensuais) polas cales a Xunta pon á súa disposición máis de 290.000€ (11€/hora).

En febreiro de 2022, a ratio de atención no Concello é do 83%: 66 beneficiarios atendidos e 13 pendentes (todos de grao I).

Das horas mensuais asignadas, 2.033 están sendo efectivamente prestadas e 197 están dispoñibles. Coas horas dispoñibles pode atender a toda a demanda pendente.

SOBER

Sober ten 24.288 horas anuais de SAF asignadas (2.024 mensuais) polas cales a Xunta pon á súa disposición preto de 270.000€.

En febreiro de 2022, a ratio de atención é do 82%: 84 beneficiarios atendidos e 18 pendentes (1 de grao II e 17 grao III).

Das horas mensuais asignadas, 1.962 están sendo efectivamente prestadas e 62 están dispoñibles. Coas horas dispoñibles poden atender ao beneficiario pendente con grao III.

FOLGOSO DO COUREL

Folgoso ten 14.400 horas anuais de SAF asignadas (1.200 mensuais) polas cales a Xunta pon á súa disposición preto de 160.000€ (11€/hora).

En febreiro de 2022, a ratio de atención é do 94%: 31 beneficiarios atendidos e 2 pendentes (1 de grao III e 1 de grao I).

Das horas mensuais asignadas, 832 están sendo efectivamente prestadas e 368 están dispoñibles. Coas horas dispoñibles pode atender a toda a demanda pendente.

QUIROGA

Quiroga ten 26.772 horas anuais de SAF asignadas (2.231 mensuais) polas cales a Xunta pon a súa disposición máis de 290.000€.

En febreiro de 2022, a ratio de atención no Concello é do 87%: 60 beneficiarios atendidos e 9 pendentes (todos de grao I).

Das horas mensuais asignadas, 2.103 están sendo efectivamente prestadas e 128 están dispoñibles. Coas horas dispoñibles pode atender a toda a demanda pendente.

RIBAS DE SIL

Ribas de Sil ten 8.556 horas anuais de SAF asignadas (713 mensuais) polas cales a Xunta pon á súa disposición 94.000€.

En febreiro de 2022, a ratio de atención no Concello é do 82%: 19 beneficiarios atendidos e 4 pendentes (todos de grao I).

Das horas mensuais asignadas, 635 están sendo efectivamente prestadas e 78 están dispoñibles. Coas horas dispoñibles pode atender a toda a demanda pendente.