Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes pedirá no pleno ao goberno local que solicite á Deputación a mellora da estrada provincial LU-P-1409

  • O voceiro, Javier Santín, advirte do “mal estado” que presenta esta vía provincial.
  • Santín considera que “Tomé trata a Cervantes como concello de segunda” ao non continuar co aglomerado da LU-P-3505.
  • O popular explica que “o arranxo previsto pola Deputación con rego asfáltico con gravilla non está a altura dun lugar con potencial como é O Piornedo” e pregúntase “qué faría Tomé se a estrada fose de Monforte.

Cervantes, 12 de abril de 2022. O Grupo Municipal Popular de Cervantes solicitará no vindeiro pleno da corporación que o goberno local inste á Deputación de Lugo a arranxar a estrada LU-P- 1409 que comunica Quindous e Robledo. Os populares defenderán esta iniciativa ante “o mal estado que presenta a vía”, segundo manifesta o voceiro, Javier Santín.

O popular considera necesario o seu arranxo “o antes posible” debido a que “os grandes baches e o seu desgastado pavimento supoñen un perigo e xeran malestar entre os usuarios”.

Santín considera que “o delegado de Vías e Obras da Deputación, que é o propio presidente, trata a Cervantes como concello de segunda”. Así o manifesta tras coñecer que a rehabilitación do firme doutra estrada provincial que requiría unha actuación dende fai moitos anos -a LU-P-3505 que comunica Navia co Piornedo pasando polas parroquias de Vilaquinte e Donís, en Cervantes- consistirá nun rego asfáltico con gravilla, “non aglomerado en quente”. É, polo tanto, “un mero bacheo que non está a altura dos tempos de hoxe nin do potencial dun lugar como é O Piornedo”.

Santín condena que “a Deputación non dea continuidade á mellora con aglomerado nesta estrada que si conta con ese material nun tramo anterior ao termo municipal de Cervantes”. Nese sentido, pregúntase “que tipo de actuación faría Tomé se esa estrada pertencese ao termo municipal de Monforte”.