Partido Popular de Lugo

O PP de Barreiros insta á alcaldesa, Ana Ermida, a xestionar con Costas a apertura dos accesos á praia de San Bartolo, pechados a causa dun derrube de terra ocorrido hai un ano

  • Os populares lamentan que o areal non estea accesible xa nesta Semana Santa e din que “sería inxustificable que chegara o verán e os accesos seguiran atrancados”.
  • O portavoz popular, José Manuel Gómez Puente, destaca a importancia de manter en boas condicións os areais á vista da relevancia do sector turístico para a economía do municipio.
  • Os populares avisan de que intentar acceder á praia nas actuais condicións pode provocar algún accidente.

Barreiros, 12 de abril de 2022. A estas alturas do ano, os concellos con costa preparan as infraestruturas para acoller nos meses de verán aos visitantes, que son unha das principais forzas impulsoras da economía local. No municipio de Barreiros, segundo sinala o portavoz do PP, José Manuel Gómez Puente, “o goberno local non parece ter especial preocupación por estas cuestións”. Considera que unha boa mostra do que di e que “a praia de San Bartolo de San Cosme de Barreiros segue, despois de máis dun ano, sen estar accesible”.

Gómez Puente lembra que “hai máis dun ano, concretamente dende o 3 de xaneiro do 2021, que foron valados os seus accesos a causa dun derrube de terra e pedras e a praia segue sen estar accesible”. O portavoz popular explica: “ A praia de San Bartolo, ten tres accesos e a día de hoxe dous están valados e o central ten un valo tirado no chan, de maneira que quen baixa polas escaleiras non pode chegar ao areal porque faltan tres banzos. Pode haber risco de accidentes”, advirte.

O Grupo Municipal Popular insta, polo tanto, ao equipo de goberno do Concello de Barreiros, e máis en concreto á alcaldesa, Ana Ermida, a xestionar cos responsables de Costas a rehabilitación dos accesos a praia de San Bartolo. Entende que “pasados 15 meses de producirse o derrube, o problema tería que estar solucionado e, polo tanto, a praia tería que estar accesible xa para esta Semana Santa. Non foi así, e agora o obxectivo ten que ser que estea accesible para o verán”.

Gómez Puente destaca a importancia que ten para o Concello de Barreiros que os seus areais estean nas mellores condicións, dada a importancia que ten o sector turístico para a economía do municipio.