Partido Popular de Lugo

O PP de Viveiro dá un paso máis no seu compromiso de escoita activa da sociedade e reúnese en Covas con asociacións de veciños

  • Os representantes dos colectivos puxeron de manifesto numerosas carencias en materia de saneamento e o mal estado de moitas estradas locais.
  • O portavoz popular, Óscar Rodríguez, sinala que a reunión forma parte do cumprimento dos compromisos de escoita da sociedade adquiridos nas pasadas eleccións municipais e no momento de asumir a presidencia do PP de Viveir.
  • Rodríguez destaca que os populares están “cos veciños para identificar debidamente cales son os problemas que antes deben ser solucionados” e impulsar as iniciativas necesarias para resolvelos.
  • No PP indican que encontros como o celebrado en Covas son tamén unha maneira de recoñecer a relevancia do movemento asociativo, así como a importancia de que as institucións manteñan un diálogo fluído coas asociacións.

Viveiro, 9 de abril de 2022. O presidente do PP de Viveiro e portavoz municipal, Óscar Rodríguez, xunto con outros concelleiros populares e membros da dirección do partido no municipio, mantiveron na noite de onte unha reunión en Covas con representantes de asociacións de veciños. Este encontro forma parte do proceso de escoita activa da sociedade de Viveiro que leva a cabo o PP local, co fin de identificar os problemas que os veciños senten como prioritarios á hora de buscar solucións.

Óscar Rodríguez sinala: “A reunión que onte celebramos en Covas é un paso máis no cumprimento do compromiso que adquirín ao encabezar a lista do PP ás pasadas eleccións municipais e que ratifiquei no momento de asumir a presidencia do Partido Popular de Viveiro. Nós estamos cos veciños, estamos con eles para identificar debidamente cales son os problemas que antes deben ser solucionados. Neste momento somos oposición no Concello, e dende esta posición impulsaremos as iniciativas necesarias para resolvelos. En canto cheguemos ao goberno, xestionaremos as solucións que precisan os veciños”.

Na reunión de onte, os representantes do movemento veciñal deixaron claro que hai serios problemas tanto de falta de saneamento como da calidade do mesmo nalgúns puntos; tamén quedou claro o mal estado da rede viaria local en moitos puntos. Este son só dous problemas que precisan solucións a curto prazo, pero hai moitos outros, segundo sinala Óscar Rodríguez.

Os populares destacan que encontros como este son tamén unha maneira de recoñecer a relevancia do movemento asociativo, así como a importancia de que as institucións manteñan un diálogo fluído coas asociacións. Rodríguez indica que o asociacionismo é parte fundamental da vertebración social e, por elo, o PP sempre terá en conta a voz do movemento veciñal.