Partido Popular de Lugo

O PP denuncia que Tomé insiste en contratar servizos a Tragsa pese á sentenza que anulou a entrada da Deputación no accionariado da empresa para considerala medio propio

  • Os deputados populares esixen ao presidente da institución provincial explicacións de como vai restituír a legalidade nuns feitos consumados, con encargos a Tragsa, nulos de pleno dereito, por seis millóns en dous anos.
  • O portavoz popular, Javier Castiñeira, reclama “unha resposta inmediata do goberno da Deputación de Lugo, unha solución á situación creada e que deixen de firmar convenios, porque temos unha sentenza que os anula de pleno dereito”.
  • A xunta de goberno provincial aprobou o pasado venres un acordo entre a Deputación (presidida por Tomé) e o Concello de Monforte (presidido por Tomé) para que Tragsa se faga cargo da xestión da piscina municipal da cidade do Cabe.
  • Castiñeira sinala que hai moitos meses que existe un grave problema coa xestión da piscina municipal de Monforte, polo que non cabe argumentar urxencia para a contratación de Tragsa.
  • Os populares destacan que “Tomé desoe ao Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo e pretende volver firmar un convenio con Tragsa a pesares de saber que é ilegal, en función da sentencia coñecida nestes últimos días”.
  • Castiñeira di que “Tomé sigue usando a Tragsa para suplir as súas incompetencias, tanto como alcalde como presidente provincial, escusándose sempre no mesmo, na urxencia”.

Lugo, 11 de abril de 2022. O goberno da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, ten demostrada amplamente a súa prepotencia. Agora dá un paso máis e desoe a sentenza do Contencioso Administrativo que anulou a entrada da Deputación no accionariado de Tragsa e, consecuentemente, todos os actos posteriores derivados de dita resolución. O PP denuncia que, unha vez coñecida a sentenza, a Deputación teima na liña seguida e establece un convenio co Concello de Monforte polo que Tragsa asume a xestión da piscina municipal da cidade do Cabe. Os populares demandan a Tomé, segundo sinala o seu portavoz no organismo provincial, Javier Castiñeira, explicacións de como van restituír a legalidade nuns feitos consumados, con encargos a Tragsa, nulos de pleno dereito, por importe de máis de seis millóns de euros nestes dous últimos anos. A vista da resolución xudicial, solicitan “que deixen de firmar convenios cando temos unha sentenza que os anula de pleno dereito”.

Castiñeira di: “Solicitamos unha resposta inmediata do goberno da Deputación de Lugo, unha solución á situación creada e que deixen de firmar convenios, porque temos unha sentenza que os anula de pleno dereito”.

O portavoz popular na Deputación explica: “Tomé desoe ao Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo e pretende volver firmar un convenio con Tragsa a pesares de saber que é ilegal, en función da sentencia coñecida nestes últimos días, pola que se anulan tanto o decreto como o acordo da xunta de goberno da Deputación para a comprar unha acción desta empresa pública, para que sexa considerada medio propio da Deputación”.

No PP indican que “o pasado venres foi aprobado un convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Monforte, é dicir, Tomé firma con Tomé, para que Tragsa siga prestando un servizo, neste caso para levar a piscina municipal de Monforte; a xestión da piscina é un problema que non dá resolto nestes últimos tempos”. Castiñeira sinala que “Tomé sigue usando a Tragsa para suplir as súas incompetencias, tanto como alcalde como presidente provincial, escusándose sempre no mesmo, na urxencia, cando sabemos que hai meses que este problema existe; neste caso, dáse a agravante dunha sentenza que anula dito acto”.

No PP consideren que este é un feito moi grave, que podería incluso chegar a ser constitutivo dun presunto delito de prevaricación. En todo caso, “é unha falta de respecto absoluto ás decisións xudiciais, o que demostra a prepotencia do señor Tomé”. Castiñeira insiste en que “este non é un tema menor, como pretende dar a entender o goberno provincial; ten que explicar como van restituír a legalidade”.