Partido Popular de Lugo

O xulgado anula a entrada da Deputación no accionariado de Tragsa e a contratación de servizos como o mantemento das zonas verdes provinciais

  • O PP gaña o contencioso e unha vez máis demostra a falta de espírito democrático e a prepotencia do presidente Tomé, en concreto, e do goberno bipartito, en xeral.
  • A presidenta provincial do PP, Elena Candia, e os deputados populares explicaron en rolda de prensa diante da Deputación o alcance da sentenza que dá a razón ao PP en todos os seus argumentos.
  • O xulgado anula tanto o decreto de presidencia de 13 de decembro de 2019, polo que o goberno decidiu entrar no accionariado de Tragsa, como o acordo da xunta de goberno do 27 de decembro de 2019, polo que resolveu encargar a Tragsa o mantemento das zonas verdes, que antes facía Suplusa.
  • A resolución xudicial establece que se incumpriu o artigo 33 da Lei de Bases de Réxime Local; cando se afecta a estrutura organizativa, as competencia son claramente do pleno, tal como dixo o PP.
  • A Tragsa encomendáronselle obras e servizos por valor de máis de 6 millóns de euros, entre eles, o mantemento das zonas verdes, a limpeza de edificios provinciais, así como outros servizos en concellos como Monforte, Vilalba ou Pol.
  • Os populares queren que o presidente Tomé pida perdón aos traballadores da antiga Suplusa, que se ven afectados por esta decisión; tamén aos deputados do PP, que viron vulnerados os seus dereitos, e, especialmente, a todos os lucenses pola imaxe que dá o goberno da Deputación.
  • O PP reclama que se resolva o antes posible este problema, dado que quedan colgando moitos servizos pola nula xestión e a neglixencia do goberno da Deputación de Lugo.
  • Os populares estudarán todas as accións posibles, toda vez que advertiron en tempo e forma, e aínda así, a sabendas, Tomé decidiu actuar.
  • O goberno provincial fixo discriminación entre os traballadores de Suplusa, considerando a uns de primeira e a outros de segunda, que tiveron que defenderse nos tribunais.

Lugo, 8 de abril de 2022. O PP avisou unha e outra vez ao goberno provincial de Lugo de que estaba facendo mal as cousas e que o modo de decidir a entrada no accionariado de Tragsa non era o correcto. O prepotente goberno presidido polo socialista José Tomé non quixo escoitar e agora o xulgado acaba de anular esa decisión e consecuentemente todas as derivadas dela. A presidenta provincial do PP, Elena Candia, xunto co portavoz na Deputación, Javier Castiñeira, e o resto dos deputados populares informaron esta mañá en rolda de prensa, diante da sede da desaparecida Suplusa, dos pormenores da citada resolución xudicial.

Javier Castiñeira explicou: “O xulgado do contencioso administrativo de Lugo acaba de estimar o recurso do grupo provincial do PP, e anula de pleno dereito, tanto o decreto de presidencia de 13 de decembro de 2019, polo que o goberno decidiu entrar no accionariado de Tragsa, comprando unha acción, como o acordo da xunta de goberno do 27 de decembro de 2019, polo que, con base no citado decreto de presidencia, decide encargar a Tragsa do mantemento das zonas verdes, que antes facía Suplusa. Ademais a Deputación terá que pagar as costas procesuais. Dá por tanto a razón en todo ao grupo provincial do PP”.

O popular manifestou: “Unha vez máis somos capaces demostrar a falta de espírito democrático e a prepotencia, no só do presidente Tomé senón do bipartito provincial, que tomou decisións por enriba das súas competencias e vulnerou os dereitos dos deputados e da corporación provincial. Concretamente incumpriuse o artigo 33 da Lei de Bases de Réxime Local, tal como o establece o xulgado. Cando se afecta a estrutura organizativa, as competencia son claramente do pleno, tal como dixo o PP no pleno de disolución, e en outras ocasións, e non se nos fixo caso”.

Agora, despois de dous anos, o dano está feito. Os populares non entenden “por que o equipo de goberno non quixo atender as suxestións que fixo o PP, cal era a presa e os motivos desa contratacións exprés de Tragsa, que despois conlevou numerosos encargos de servizos sen o procedemento de contratación legal e que agora quedan nulos de pleno dereito”.

Castiñeira sinala: “Temos que dicir que con base en iso se contrataron varios servizos a Tragsa, por valor de máis de 6 millóns de euros, entre eles, o mantemento das zonas verdes, a limpeza de edificios provinciais, outros servizos en concellos como Monforte, Vilalba ou Pol, e obras que non poderían ser encargadas porque o procedemento de entrada no accionariado de Tragsa foi ilegal”. 

No PP lamentan a falta de espírito democrático do presidente da Deputación e a prepotencia do bipartito. Queremos, sinala Castiñeira, “que pida perdón aos traballadores da antiga Suplusa, que se ven afectados por esta decisión; tamén aos deputados do PP, que viron vulnerados os seus dereitos, e, especialmente, a todos os lucenses pola imaxe que dá o goberno da Deputación”. 

O PP reclama “que se resolva o antes posible este problema, dado que quedan colgando moitos servizos pola nula xestión e a neglixencia do goberno da Deputación de Lugo”.

Os populares anuncian que estudarán todas as accións posibles, toda vez que advertiron en tempo e forma destas circunstancias (consta en acta que se indicou en pleno que se estaba actuando en fraude de lei) e aínda así, e a sabendas, Tomé decidiu actuar. Igualmente, poñen de manifesto que o goberno provincial fixo discriminación entre os traballadores e considerou a uns de primeira e a outros de segunda, de tal maneira que estes últimos tiveron que acudir aos tribunais para defender os seus dereitos.