Partido Popular de Lugo

O PP consegue que o equipo de goberno explique aos veciños o Plan de Mobilidade

O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz consegue que o equipo de goberno explique aos veciños o Plan de Mobilidade. Deste xeito, os populares alégranse do cambio de postura de Cajoto, pois esta iniciativa é un dos documentos más importantes para calquera concello con áreas urbanas relevantes.

 

“Hai moita xente preocupada en como lles vai afectar o plan de mobilidade do Sr. Cajoto. Por iso, alegrámonos de que fixese caso ao PP e decidise informar aos veciños e veciñas. É moi necesario ir avisando a todos os afectados, xa que o novo rueiro afectará ao número das vivendas, ao transporte e conleva trámites e xestión. O equipo de goberno ten a obriga de explicalo con claridade e con transparencia e non pola porta de atrás e mételo nun caixón como pretendían”, afirma a edil Verónica Soto.

 

Aprobado por decreto e con nula claridade

Este Plan foi aprobado por decreto do alcalde; motivo polo que no pasado pleno os populares preguntaron por este asunto, así como polo rueiro. “Os veciños teñen que saber que rúas van cambiar, que tramites administrativos teñen que facer para cambiar os números; en definitiva, como lles vai afectar a súa posta en marcha na organización das súas vidas”, insiste Soto. “O que non era de recibo, engade, é facelo sen dar a información necesaria ao pobo de Foz”.

 

A iniciativa iniciouse de boas formas e participando os grupos da corporación e os veciños; encargouse a redacción a unha empresa, aprobouno o alcalde por decreto e agora ninguén sabe nada dese documento. O PP tivo acceso a el, pero é preciso que sexa explicado aos veciños, tal e como defenden dende o Grupo Municipal Popular. “Sentímonos satisfeitos de que Cajoto recapacitase e nos fixese caso, porque a nosa petición non tiña un cariz partidista, senón de axuda e dar unha resposta á demanda dos afectados”.