Partido Popular de Lugo

Javier Castiñeira: “A inflación desbocada reduce as obras do Plan Único”

O voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, alerta de que “a inflación desbocada reduce as obras do Plan Único”. Neste senso, lamenta a “falta de ambición” do equipo de goberno, pois este encarecemento, que se sitúa no 7,5%, diminuirá en 1,5 millóns o investimento na provincia por parte do organismo provincial no marco desta iniciativa.

 

“Non estamos a falar de pouca cousa. Os Concellos van perder nada máis e nada menos que 1,5 millóns. Teremos, por tanto, menos obras e, todo elo, porque o equipo de goberno da Deputación non quixo nin quere recoñecer unha crise enerxética que xa estaba antes da guerra de Putin, e derivada da inexistencia dunha estratexia axeitada do Goberno de Sánchez. Se hai menos obra pública, tamén hai menos emprego e máis paro”, advirte.

 

“Un fracaso absoluto”

O Plan Único de 2022 someterase a aprobación o vindeiro pleno, día 29 de marzo. “Por iso, e porque aínda estamos a tempo”, dende o PP pídenlle a socialistas e nacionalistas que tomen canto antes medidas para compensar ás entidades locais esas perdas. “Os Concellos xa están sufrindo o elevado custo dos materiais, tal e como xa adiantamos en varias ocasións dende o PP, polo que conxelar este Plan no peor dos momentos é, afirma Castiñeira, “un fracaso absoluto”.

 

“Goberno anodino”

“Se a provincia ten un Plan Único é grazas ao traballo do PP -o PSOE e o BNG sábeno-. Con todo, temos que recoñecer que agardabamos algo máis deste equipo de goberno. Agardabamos que fose quen de estar á altura das circunstancias e das necesidades que temos, pero, unha vez máis, lonxe de buscar o interese dos lucenses, non só non fan nada novo, senón que nin tan sequera son capaces de reinventarse e de impulsar actuacións que palíen os efectos das políticas tan daniñas para o país que lidera o seu presidente Sánchez, e que nos están afectando a todos na cesta da compra, nos carburantes ou na luz”.

 

Aínda así, conclúe o voceiro do Grupo Provincial do PP, “nós seguiremos traballando ante a falta de xestión dun goberno anodino, como é o da Deputación de Lugo”.