Partido Popular de Lugo

O PP lamenta que “o proxecto para a rúa da Pravia presentado polo goberno local non dea solución ao caos circulatorio que hai en Vilalba”

A voceira do Grupo Municipal do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, lamenta que “o lío circulatorio en Vilalba seguirá existindo trala remodelación anunciada polo goberno local para a rúa da Pravia” porque “continuará sendo unidireccional”.

 

Os populares lamentan que “o goberno local non escoite ao veciños. Se o fixeran daríanse conta de que esta non é unha actuación prioritaria para os vilalbeses”. Con todo, “non nos sorprende que non os escoite porque tampouco o fixo á hora de facer de sentido único esta rúa de forma provisional despois de estar pechada uns días ao tráfico rodado tralo incendio da Casa das Maragatinas. Non consultaron a ninguén e cando se reuniron cos veciños na Casa da Cultura limitáronse a dicir que era una medida provisional”. É máis, “o goberno socialista di apoiarse nun plan de mobilidade que non foi consultado nin a nivel social nin político. O colectivo empresarial de Vilalba coñeceu este proxecto a través de YouTube. Iso di moito sobre o tipo de contacto que o goberno local mantén cos vilalbeses”.

 

Vázquez explica que “non estamos a favor da dirección única” porque “o obxectivo do PP, que é un partido de goberno, non é crear máis problemas aos veciños”.

 

Prioridades

Os populares entenden que “a renovación do saneamento si é unha actuación prioritaria. De feito, o reforzo dos servizos básicos; ademais do apoio ao asentamento de empresas no municipio e, máis concretamente, no polígono Sete Pontes; o mantemento das pistas municipais en bo estado ou o apoio aos autónomos deberían ser as prioridades do goberno local. Trala crise derivada da pandemia da covid e coa actual situación de subida de prezos (luz, combustibles e compra), non consideramos prioritario gastar preto dun millón de euros na remodelación da rúa da Pravia e outro millón máis en tirar o parque acuático da Madalena”.

 

Vázquez considera que “son diversas as necesidades de Vilalba e dos vilalbeses; pero en lugar de atendelas, o goberno local prefire investir en adornos para o casco urbano e manter abandonadas as parroquias que constitúen a maior parte do noso municipio”.