Partido Popular de Lugo

O PP propón á Deputación convocar aos representantes do tecido económico da provincia para analizar a situación xerada polo suba dos prezos da enerxía e deseñar medidas de apoio

A crise que está a provocar nos distintos sectores económicos na provincia de Lugo o encarecemento desmedido dos prezos da enerxía constitúe unha ameaza certa para moitas empresas lucenses. Os populares consideran que a Administración no pode permanecer pasiva diante da actual situación. Consideran que a Deputación ten que xogar un papel relevante nesta crise. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, solicita do goberno da Deputación a convocatoria urxente dos representantes do tecido económico para analizar a situación e determinar cal debe ser o papel da institución provincial. Suxire que se precisan axudas directas, que poden saír dos remanentes da Deputación.

Castiñeira sinala: “Diante da grave situación que está a pasar o tecido económico lucense, e de maneira especial os sectores agrogandeiro, pesqueiro e do transporte, solicitamos ao goberno da Deputación de Lugo, e especialmente ao seu presidente, que canto antes cite aos representantes dos empresarios e de todos eses sectores para analizar a situación e saber cal debe ser o papel da Deputación de Lugo nesta crise importante, enerxética, que xa vén de meses atrás”.
 
O portavoz popular lembra que o seu grupo “xa avisou no seu momento das consecuencias que traerían os altos custos da enerxía e dos materiais de construción; a guerra en Ucraína está afondando nesta inflación, que se está volvendo destrutiva do tecido produtivo de Lugo”. Por elo, pide ao socialista José Tomé que, como presidente da Deputación, “xunte canto antes aos representantes do tecido económico lucense e a aos grupos políticos, para entre todos analizar cal debe ser o papel da Deputación e aportar recursos para evitar que vaian caendo sectores”. Engade: “Debemos anticiparnos, como outras deputacións xa o están a facer”.

Castiñeira apunta á posibilidade “de usar parte do remanente da Deputación de Lugo”. Lembra que a Deputación non o fixo así na crise da covid. “Entón non houbo axudas directas e o Plan Impulsa foi un plan de propaganda que non deu resultado; agora temos que ir moito máis ao directo e establecer axudas directas que palíen os grandes problemas que está a pasar o noso tecido produtivo”.