“A reunión que mantivo onte Tomé co director xeral de SEPES confirma que non está á altura dos múltiples cargos que ocupa”. Así o manifestan dende o PP da provincia de Lugo porque “SEPES ten o solo industrial máis caro da provincia, pero Tomé non liderou ningunha iniciativa dirixida a baixar o prezo do solo industrial na provincia que depende deste organismo estatal”.
“Tomé usa as institucións ao seu servizo, en beneficio da súa propia imaxe; pero non en beneficio dos lucenses nin do impulso socioeconómico do noso territorio”, manifestan.
Os populares explican que “nos municipios con solo industrial de SEPES como son Ribadeo, Mondoñedo ou Sarria as parcelas dispoñibles teñen un prezo máis elevado que o solo industrial que xestiona a Xunta”. Neste sentido, lembran as iniciativas da Xunta para favorecer o asentamento de empresas na nosa provincia. O exemplo máis recente é a oferta da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dun total de 40 parcelas a prezos de venda bonificados nun 50% no polígono das Gándaras, en Lugo”.
Mentres que “a Xunta incentiva a implantación de empresas mantendo as bonificacións para adquirir solo industrial e acompañando os proxectos empresariais; o Goberno central do mesmo partido que Tomé non implanta ningunha medida que favoreza o crecemento empresarial e, polo tanto, a creación de emprego. É máis, as políticas do Goberno de Sánchez en materia laboral e enerxética, como todos podemos apreciar nos nosos petos, está a lastrar ás empresas, autónomos e familias”.
Os populares conclúen así que o socialista “desperdiciou unha extraordinaria oportunidade para facer valer a súa palabra na provincia porque non podemos esquecer, engaden, que, ademais de alcalde é o titular da Deputación e o responsable do seu Partido en Lugo”. Tal é así que insisten: “Como mínimo, e dado que se trataba da primeira visita de Fidel Vázquez á provincia, o que debería facer o rexedor, presidente e secretario Xeral do PSOE é trasladar as necesidades que temos en Lugo a nivel industrial; materia que, por certo, foi sacrificada polo seu compañeiro Pedro Sánchez coas súas políticas en materia enerxética".