Partido Popular de Lugo

O PPdeG propón un plan de apoio aos autónomos que incremente as medidas de estímulo, reduza a fiscalidade e free a escalada de prezos

O portavoz de Emprego do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, demandou hoxe a posta en marcha desde as distintas administracións dun plan de apoio aos autónomos “conscientes de que son un dos colectivos que máis están a sufrir as dificultades derivadas do actual contexto económico”. Este plan de choque, co que busca apoiar aos preto de 208.000 autónomos galegos, dos que 32.000 son lucenses, estaría baseado en tres eixos: novos estímulos para evitar peches e contribuír ao seu fortalecemento, reducir a fiscalidade que soporta este colectivo e, finalmente, medidas dirixidas a frear a escalada de prezos.

 

Segundo Balseiro, “os autónomos, que son un colectivo prioritario pola súa capacidade de creación de riqueza e de emprego, precisan de reaccións inmediatas para evitar que se poña en risco o seu futuro, xa que aínda arrastran as consecuencias das restricións derivadas da pandemia e no último ano soportan, ademais, a escalada dos prezos enerxéticos, da escaseza e incremento dos prezos das materias primas, da alza da inflación e da alza do salario mínimo”.

 

MEDIDAS DE ESTÍMULO

 

No primeiro dos ámbitos, o portavoz popula puxo como modelo á Xunta, insistindo na necesidade de dar continuidade ás medidas de apoio e de estímulo que contribúan á viabilidade e consolidación dos proxectos empresariais e da actividade económica que realizan os autónomos.

 

Así, lembrou que só no pasado ano o Goberno galego ten inxectado máis de 610 millóns de euros en axudas directas ao tecido produtivo galego, constituído na súa maioría (no 97%) por autónomos e microempresas.

 

O deputado popular tamén cre que “a liña a seguir por outras administracións deben ser a das reformas emprendidas polo actual Goberno galego, tales como a eliminación de trabas burocráticas, a mellora das medidas de impulso ao traballo por conta propia, así como a posta en marcha de axudas directas e de vías de asesoramento como a nova oficina virtual”.

 

REDUCIR A FISCALIDADE E A ALZA DE PREZOS

 

Para Balseiro tamén “é imprescindible unha redución da presión fiscal que soportan os autónomos e, por suposto, desterrar calquera intento de subir o que pagan polas súas cotizacións, como xa aconteceu o pasado decembro, coa suba que o Goberno de Pedro Sánchez incluíu nos orzamentos xerais do Estado, sen comunicación previa nin diálogo co sector”.

 

Desde o PP, o novo sistema de cotizacións para autónomos debe nacer do consenso e non debe permitirse que a maioría dos autónomos vexan incrementados os seus custos de xeito inxusto e co único afán recadatorio.

 

Finalmente, Balseiro reclama tamén medidas eficaces para conter a escalada de prezos actual. Neste sentido, censurou iniciativas do Goberno de España como a suba de impostos aos carburantes e do imposto de matriculación e de circulación; as novas tributacións sobre plásticos e residuos; xunto á harmonización fiscal á alza. Tamén son negativas iniciativas futuras, como establecemento de peaxes pola utilización das autovías, que suporán que paguen máis os autónomos.