O plan de mobilidade é un dos documentos más importantes para calquera concello con áreas urbanas relevantes, como é o caso de Foz. Debido ao escurantismo co que proceden o alcalde, Fran Cajoto, e o seu equipo o único que se sabe deste plan é que foi aprobado por decreto polo alcalde. A vista da situación, os concelleiros populares preguntaron no pasado pleno ordinario por este asunto, así como polo rueiro. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Parece que o alcalde quere aprobar o plan de mobilidade pola porta de atrás, como fixo cun decreto de alcaldía”.
Castiñeira explica: “No pasado pleno ordinario, o grupo municipal do PP preguntou por dúas cuestións que afectan á mobilidade e a organización do concello e de novo se demostrou a falta de transparencia e o ocultismo co que opera o goberno municipal. O plan de mobilidade iniciouse de boas formas e participando os grupos da corporación e os veciños; encargouse a redacción a unha empresa, aprobouno o alcalde por decreto e agora ninguén sabe nada dese documento. O PP tivo acceso a el, pero é preciso que sexa explicado aos veciños”.
Por outro lado, os concelleiros populares preguntaron polo cambio do rueiro, unha noticia que deu o alcalde hai uns meses. Castiñeira sinala: “Parece que se encargou a unha empresa e tamén parece ser que pasou o tempo de que se entregara ese traballo. Ninguén, nin asociacións nin os grupos políticos sabemos nada dese cambio de numeración e do rueiro e, polo tanto, queremos que se aclare e que se dea participación aos grupos da corporación, pero tamén a todos os veciños”.
No PP din que a falta de transparencia do goberno municipal tamén se aprecia en relación co proxecto da A-74. “O alcalde presume de presentar alegacións no tramo de Foz cara Burela, pero non fixo as reunións que el mesmo prometeu cos veciños de Cangas, Nois e Fazouro para explicar a afección dese proxecto nas parroquias e a tantas propiedades como toca”. Engade: Son incumprimentos absolutos da participación e da transparencia da que tanto presumen PSOE e BNG, especialmente antes das eleccións”.