Partido Popular de Lugo

Tito Suárez: “O goberno do BNG segue sen actuar nas instalacións deportivas, nin da vila nin do rural ribadense”

O coordinador de deportes dos populares ribadenses, Tito Suárez, lamenta que “o goberno local do BNG siga sen actuar nas instalacións deportivas municipais: non o fixo no Pepe Barrera, nin no polideportivo municipal da Rúa Alfredo Deaño nin no parque biosaudable do aparcamento municipal e tampouco nas instalacións deportivas do rural”. Despois de poñer como exemplo o abandono da pista polideportiva de Rinlo, sinala tamén o mal estado da pista polideportiva de Ove “e o lamentable e vergonzoso estado do seu entorno”.

O popular explica que “seguimos á espera de que o goberno municipal se preocupe polas entidades deportivas e os lugares onde practican os seus respectivos deportes”. Condena, nese sentido, “a falta de traballo e o pasotismo deste goberno do BNG” e, máis concretamente, “do concelleiro de deportes que conta con dedicación exclusiva; é dicir, pagámoslle todos os veciños para que realice este labor. Dá a sensación de que o supera a situación e o cargo”, remarca.

Tito Suárez afirma que “a este goberno do BNG lle da igual todo ou, mellor dito, case todo. Porque figurar e saír nas fotos si que queren. E se non están ou non os chaman coaccionan ás entidades. Para iso si están áxiles. Se estiveran así para traballar por Ribadeo e os veciños, sería outra cousa”, remarca.

Traballo, implicación e interese
O Grupo Municipal Popular segue insistindo en que “o traballo é o mellor remedio para ter as instalacións en perfecto estado, pero ese traballo é responsabilidade deste goberno municipal do BNG. Pero como non o está facendo, teñen que ser as entidades deportivas as que o fagan (varrer os excrementos das palomas das gradas, arranxar as instalacións, etc…)”, explica.

O Grupo Municipal Popular dálles as gracias a todas as entidades deportivas polo seu traballo incansable, a súa dedicación e implicación cos nosos deportistas”. Así, os populares manifestan que “seguiremos interesándonos polas entidades deportivas e polas instalacións onde practican o seu deporte tanto na vila coma no rural” e ofrécense a “axudar en todo o que podamos”.