Partido Popular de Lugo

O PP pide de novo acceso a un escrito rexistrado na Deputación por un veciño no que, ao parecer, se relatan presuntas irregularidades cometidas por algún membro do goberno provincial

O goberno provincial está escaso de vontade de transparencia, tal como acreditan moitas das respostas dadas ao grupo provincial popular. Nesta ocasión, os deputados populares insisten en pedir acceso a un documento, rexistrado na Deputación, sobre cuxa existencia recibiron algunhas informacións. Se o contido do escrito se corresponde coas información recibidas, incluiría presuntas acusacións dun lucense en relación con supostos comportamentos dalgún membro do goberno provincial que poderían ser irregulares. O portavoz popular, Javier Castiñeira, pide “ao presidente da Deputación, o socialista José Tomé, que administre a Deputación de Lugo e especialmente  que administre a transparencia  moito mellor”, porque “o PP leva varias peticións  de documentación que non están sendo atendidas por parte do goberno provincial”. “Non sabemos -di Castiñeira- que oculta o goberno da Deputación”. Engade: “Neste caso falamos dunha denuncia que ao parecer presentou un veciño no rexistro da Deputación de Lugo” por supostas irregularidades. 

 

Castiñeira di: “O grupo provincial do PP cre na presunción de inocencia, pero como grupo político da oposición, ten o dereito e a obriga de fiscalizar ao goberno nas súas contas; temos dereito a ter acceso a este tipo de documentos,  porque temos a obriga de manter a transparencia nunha institución tan importante como é a Deputación. Polo tanto, volvemos pedir ao señor Tomé que nos dea acceso a ese escrito, para que o PP poida investigar cal é a orixe deses sucesos, e comprobar se son certos ou non”. Engade que o goberno provincial debe levar a cabo unha investigación interna.

 

Os populares confían en no ter que acudir a outras instancias para conseguir acceso á información que solicita ao goberno provincial. “Esperamos que non nos obrigue a pedir por outra instancia, porque é un dereito de acceso á información que ten o grupo popular, pero se non nos queda máis remedio teremos que pedilo por outra instancia”. O portavoz popular manifesta: “Solicitamos ao señor Tomé que en aras da transparencia nos dea acceso a este documento para poder contrastar se é certa esa información que chegou ao PP e se é certa  tratar de investigar esa denuncia, o que é un deber do grupo da oposición”.

 

Por outra parte, o portavoz popular na Deputación sinala: “No grupo provincial do PP chámanos poderosamente a actitude do presidente da Deputación, o socialista José Tomé, con respecto á decisión do señor Feijóo de ser candidato a presidir o Partido Popular de España. Non hai comparación entre a traxectoria e a xestión de Núñez Feijóo coa  traxectoria explosiva nestes últimos meses do señor Tomé, ao que só pedimos que  se mire a si mesmo e teña un pouco de autocrítica, que non pida para os demais o que non fai para si mesmo”