A incapacidade de xestión xa sobradamente demostrada polo alcalde, José María Arias (PSOE), prolonga no tempo as deficiencias no funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Castroverde. Superado xa o primeiro mes de prestación do servizo pola nova empresa concesionaria, os populares detectan que seguen sen ser cubertas todas as horas concedidas e que tampouco con respecto ás traballadoras se cumpren as obrigas recollidas na adxudicación deste contrato.
O portavoz popular, Rubén Otero, di que do mal funcionamento deste servizo, como de calquera outro de carácter municipal, é directamente responsable o goberno local, e, concretamente, o alcalde, o socialista José María Arias. O portavoz popular sinala: “O do SAF en Castroverde é a crónica dun desastre anunciado, porque no Concello son incapaces de que funcione como ten que funcionar un servizo tan importante para o benestar dos veciños máis vulnerables”. Otero engade: “Éncheselles a boca con palabras grandilocuentes pero sempre baleiras de contido, e o SAF é a mellor demostración de que isto é así”.
Os populares aseguran que están vixiantes con respecto ao funcionamento, en todos os aspectos, do SAF. “O caso é que hai beneficiarios do servizo que non reciben todas as horas que lles corresponden e as traballadoras tampouco están vendo cumpridas as obrigas que adquiriu a empresa”.
Otero di: “Esiximos ao alcalde que, dunha vez por todas, se poña a traballar e resolva todas as deficiencias, que son moitas, que ten hoxe o SAF”.