Partido Popular de Lugo

Sandra Vázquez destaca a “importante repercusión en Vilalba” do bono turístico da Xunta no 2021: máis de 86.600 euros

A voceira do Grupo Municipal Popular de Vilalba e deputada autonómica, Sandra Vázquez, destaca a “importante repercusión que o bono turístico da Xunta #QuedamosenGalicia2021 supuxo para os negocios de aloxamento e as axencias de viaxe de Vilalba”. Foron máis de 86.600 euros os mobilizados o ano pasado en Vilalba con esta iniciativa da Xunta de Galicia. “Ante as consecuencias da pandemia para o sector turístico, este tipo de iniciativas permite contribuír a minimizar o impacto da crise sanitaria”, explica a popular. 

Vázquez valora, neste sentido, “a implicación da Xunta á hora de apoiar aos sectores máis afectados coa convocatoria de axudas directas e tamén na procura de solucións a través de programas para a súa dinamización”. Pero, pola contra, lamenta “a falta de interese do goberno local vilalbés para apoiar aos negocios da noso municipio, os nosos veciños, máis prexudicados”. Así, lembra que “se polo goberno do PSOE fora, os comercios, autónomos e pequenos empresarios, non recibirían un só céntimo de axuda municipal. De feito, trala aprobación en pleno do plan de axudas proposto pola oposición; tardaron preto dun ano en facer efectivos os pagos dos importes da axuda”, explica.

Bono Turístico 2022
A voceira dos populares vilalbeses lembra ás empresas de aloxamento e ás axencias de viaxe que “xa está aberto o prazo para presentar as súas solicitudes para participar na nova convocatoria do Bono Turístico #QuedamosenGalicia2022”.

Máis adiante, tamén poderán solicitar o seu bono as persoas interesadas nalgún dos tres bonos ofertados: 250 euros, 375 euros ou 500 euros. A Xunta aboa o 40% dos servizos consumidos e os particulares, o 60% restante que corresponda ao importe escollido.