Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada intenta que o Concello inste á Deputación a abrir de inmediato o centro de día, ubicado na residencia, que está autorizado pola Xunta dende marzo de 2017

Os concelleiros populares defenderán na próxima sesión plenaria sendas iniciativas sobre asuntos de gran transcendencia para o municipio, como son os relacionados coa atención ás emerxencias e á terceira idade. 

Unha das iniciativas populares, segundo explica o portavoz, José Luís Regueiro, ten por obxectivo que o pleno acorde instar á Deputación de Lugo á apertura inmediata do centro de día, ubicado no centro de atención a maiores Residencial Rois. Regueiro lembra que o centro de día conta con autorización da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social dende o 16 de marzo de 2017. O PP considera inxustificable a demora na posta en servizo do centro de día.

Por outro lado, Regueiro deu a coñecer que os populares levan ao pleno unha moción para acordar instar á Deputación de Lugo a asumir as súas competencias en materia de emerxencias no municipio e para que especifique os medios materiais e humanos dispoñibles para atendelas. Lembra que o PP “solicitou en varios plenos ao Concello que volvese asumir as súas competencias e se adherise de novo ao convenio GES firmado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia”. Ditas solicitudes non tiveron éxito ata o momento. 

Regueiro destaca que “co rexeitamento por parte do Concello de A Fonsagrada de ser sede do novo GES, corresponde á administración provincial garantir a prestación deste servizo aos veciñas e veciños”.