O PP da provincia de Lugo celebrou esta mañá no hotel Méndez Núñez o acto co que conmemorou o 8-M, co lema Mulleres construíndo Lugo, que resultou moi concorrido. Participaron, entre outros, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, e a presidenta provincial dos populares, Elena Candia, que indicou que con esta iniciativa os populares queren “contribuír a aportar o noso gran de area a seguir traballando porque a igualdade sexa real e efectiva na nosa sociedade”. É tamén unha maneira de escoitar, “porque queremos construír dende Lugo un partido aberto”.
A apertura do acto correu a cargo da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, que presentou ás dúas poñentes que interviron Raquel Touriño, vicesecretaria de Igualdade do PP de Galicia, e Paula Prado, voceira de Igualdade polo PP no Parlamento galego.
Raquel Touriño lembrou que o Partido Popular de Galicia está comprometido coa igualdade real e efectiva e o seu obxectivo é integrala e estendela a todos os niveis da acción política. Os populares, apuntou, apostan por unha igualdade afastada das extravagancias doutros partidos, como os que deciden que delitos contra as mulleres se investigan e cales non, ou elixen a túa vestimenta e prohiben a cor rosa por ser un elemento opresor do patriarcado. Manifestou que o traballo do PP de Galicia, coas políticas axeitadas, conseguiu grandes avances nesta materia e indicou que agora deberíamos dar o paso de consolidación das mesmas e avanzar “en solventar os problemas que mulleres e homes, ás persoas, se atopan no día a día cando queren exercer algunha acción por igual”.
Pola súa parte, Paula Prado lembrou que, o pasado mes de novembro, o Parlamento de Galicia aprobou, a proposta do Grupo Parlamentario do Partido Popular, unha modificación da Lei integral de violencia de xénero para introducir como unha forma máis de violencia de xénero a violencia dixital. A intención dos populares é conseguir o tripla obxectivo de describir unhas conductas delictivas cada vez máis en auxe, sensibilizar á xente máis nova dos perigos destas prácticas e poñer en marcha políticas públicas e medidas de prevención para evitar que estas se produzan. Sinalou que resulta necesario modificar a normativa penal e tipificar condutas que non teñen agora encaixe en ningún tipo penal.
Como estaba previsto, o acto incluíu una mesa de diálogo, moderada polas concelleiras Cristina Abades e Macamen López, na que participaron: Leticia Martín, xogadora do Pescados Rubén FS; Azucena Mora, profesora da Facultade de Veterinaria de Lugo; Lucía Pérez, cantante; Mónica Álvarez, presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia; Ana García, gandeira de Vilaframil (Ribadeo).
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, destacou o desenvolvendo en Galicia de políticas reais para igualdade real. Queda motísimo por facer en clave de igualdade, dixo, pero en Galicia estanse a facer moitísimas cousas neste terreo. Lembrou que onte se constituíu en Santiago un foro de alcaldesa e manifestou: “somos o partido que máis alcaldesas ten na nosa Comunidade (24); son poucas, debemos seguir traballando para que haxa moitas máis mulleres alcaldesas, non porque o número signifique algo en si mesmo, senón porque a igualdade real se consigue na medida que as mulleres poden acceder aos mesmos postos que os homes sen ningún tipo de limitación”. Afirmou que “as nosas alcaldesas igual que a presidenta do partido aquí en Lugo son un gran exemplo do modelo de igualdade que predica o PP de Galicia. Esa é a igualdade que predica o PPdeG, a igualdade do mérito, a igualdade do traballo, a igualdade da responsabilidade”.
Con respecto ao partido, indicou que ten por diante grandes retos, “o principal darlle a voz á militancia, pechar feridas internas e unir a todo o partido entorno a un novo proxecto; é o momento de mirar cara o futuro, xerando máis ilusión que nunca e xa estamos vivindo ese efecto”.
A encargada de clausurar esta xornada foi a presidenta provincial do PP, Elena Candia, que agradeceu a presencia dos asistentes e destacou o papel fundamental das mulleres que “co seu traballo e coa súa dedicación contribúen a facer una sociedade mellor”. Explicou que este acto tiña por obxectivo o de “contribuír a aportar o noso gran de area a seguir traballando porque a igualdade sexa real e efectiva na nosa sociedade”. Destacou que a educación é o mellor instrumento para que a igualdade sexa efectiva.
Candia manifestou: “É importantísimo seguir apostando polos apoios á conciliación, especialmente no mundo rural. As mulleres son un instrumentos imprescindible para abordar de maneira intelixente ese reto que temos provincias como Lugo, que é o reto demográfico. E preciso reter o talento lucense en investigación”.