Partido Popular de Lugo

Elena Candia: “Con Feijóo España gaña, Galicia gaña e Lugo gaña”

“Con Feijóo España gaña, Galicia gaña e Lugo gaña”. Con esta mensaxe a presidenta provincial, Elena Candia, ratificou na Xunta Directiva Provincial, na que tamén participou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o apoio da formación luguesa á candidatura que encabeza o líder popular. Deste xeito, Candia amosouse convencida de que o candidato á presidencia do PP nacional “é a mellor alternativa a un goberno que o único que fixo polos lucenses foi destruír emprego e a industria, e abandonar as infraestruturas”.

 

A dirixente lucense aproveitou o encontro para poñer en valor “o traballo e a xestión extraordinaria” do candidato. “Sen dúbida, concorre a este proceso cos mellores avais que pode ter un político: compromiso, entrega, dedicación e  saber priorizar o gasto útil”, afirmou.

 

Elena Candia indicou así que “nesta provincia, Feijóo ten un aliado incondicional”. “Nunca lle fallamos e desta volta tampouco o faremos”. A renglón seguido, desexoulle os mellores do éxitos e destacou que decidise dar un paso á fronte “nun momento, dixo, complicado, ao abeiro dos últimos acontecementos, pero no que o PP é máis necesario ca nunca”.

 

A partir da convocatoria do Congreso, os afiliados teñen  15 días para inscribirse e participar en todo o proceso electoral, que remata ás 14:00 horas do día 16 de marzo. Cada afiliado poderá presentarse como compromisario ata 5 días antes do día da votación. As asembleas para elixir tanto ao candidato como aos compromisarios celebraranse en toda España o día 21 de marzo. Á provincia de Lugo correspóndenlle 46 electos, máis 1 de Novas Xeracións. A este número hai que sumar os natos, é dicir, a propia presidenta, os deputados no Congreso e o senadores.

 

Día da Muller Traballadora

Previamente, a presidenta provincial, acompañada do secretario xeral, Javier Vázquez Nodal, e da Comisión de Igualdade que preside Susana López Abella, presentaron os actos cos que o Partido Popular de Lugo conmemora o 8M. Baixo o título “Mulleres construíndo Lugo”, a formación luguesa reunirá este domingo, 6 de marzo, ás 11:30 horas, e no Hotel Méndez Núñez, a distintas mulleres da provincia que son un referente a nivel autonómico, e en distintos sectores, polo seu traballo e dedicación.

 

Así, a xornada será inaugurada polo secretario Xeral do PPdeG, Miguel Tellado. Seguidamente, intervirán a vicesecretaria de Igualdade do PP de Galicia, Raquel Touriño, e a voceira de Igualdade no Parlamento de Galicia, Paula Prado.

 

Haberá unha mesa de diálogo, que estará moderada por Cristina Abades e Macamen López, concelleiras do grupo municipal de Lugo. Nela participarán: Leticia Martín, xogadora do Pescados Rubén FS; Azucena Mora, profesora da Facultade de Veterinaria de Lugo; Lucía Pérez, cantante; Mónica Álvarez, presidenta da Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia; e Ana García, gandeira de Vilaframil (Ribadeo). A clausura correrá a cargo da presidenta Elena Candia.

 

A dirixente lucense agradeceu a organización do encontro co que “homenaxeamos a todas esas mulleres das que obrigatoriamente nos temos que sentir moi orgullosos e orgullosas, pois co seu traballo e coa súa dedicación contribúen a facer unha sociedade mellor”.