Partido Popular de Lugo

“Parécenos moi grave que o Concello presentase a alegación á hidroeléctrica fóra de prazo”, sinala o PP de Alfoz

“Parécenos moi grave que o Concello presentase a alegación á hidroeléctrica fóra de prazo”, sinalan dende o Grupo Municipal Popular de Alfoz. É, por este motivo, polo que consideran que “estamos ante un equipo de goberno que non está á altura dos veciños”. “Merecemos gobernantes que nos defendan e traballen con responsabilidade pública, non todo o contrario”, engaden.

 

Neste senso, afean ao alcalde que “en ningún momento se puxesen en contacto coa oposición para facer un traballo conxunto”. Este “escurantismo” cobra máis importancia aínda, sinalan, “se temos en conta que se negaron a dar explicacións a concelleiros e veciños, ocultando a información do proxecto”; de aí que os populares sospeiten que “ata pode ser un erro intencionado e algo imperdoable dende o punto de vista da política municipal”.

 

“O PP si que traballa en tempo e prazo”

Pola contra, dende o PP manifestan que “nós si que traballaremos en tempo e prazo”. Proba delo é que, en días pasados, os populares xa anunciaron que teñen previsto presentar alegacións ao proxecto da hidroeléctrica en defensa dos veciños. Os populares continúan así demandando que esta iniciativa, que está a tramitar o Ministerio de Transición e Reto Demográfico, non prexudique ao desenvolvemento do municipio, tal e como veñen manifestando publicamente os afectados. 

 

As súas alegacións xiran en torno a cuestións que os propios veciños expresaron en distintas xuntanzas e nos medios de comunicación. Deste xeito, a primeira delas está dirixida a que o proxecto garanta a seguridade ao afectar á cunca do río, así como ás vivendas situadas no núcleo de Lagoa, e que se verían afectadas pola instalación da infraestrutura que se pretende levar a cabo nas súas inmediacións.

 

Por outra banda, e en materia laboral, engaden que non se garantirán os postos de traballo que se pretenden crear, pois “a xente non sabe que vai pasar coas súas terras e coa actividade que desenvolven nelas que ao final é o seu medio de vida”.

 

O proxecto supón, ademais, “un atentado medioambiental”, dado que a zona na que está proxectado “impactará negativamente no territorio”, ademais de estar dentro dunha demarcación declarada Reserva da Biosfera.

 

A nivel social, “a incerteza é moi considerable”, afirman. “A xente está moi preocupada porque vai cambiar o seu modo de vida, así como a súa imaxe. E isto psicoloxicamente tamén afecta”, remarcan. Relacionado con isto, explican, está o factor do despoboamento, “xa que os veciños descoñecen se van poder seguir vivindo aquí ou se teñen que ir a outro municipio”.