Partido Popular de Lugo

O PP de Cervantes lamenta que “o goberno local poña paus nas rodas ao proxecto para converter o colexio de Donís nun albergue xuvenil”

O Grupo Municipal Popular de Cervantes acusa ao goberno local de “boicotear” o proxecto da Xunta para rehabilitar o colexio de Donís e convertelo nun albergue xuvenil. “O goberno local pon paus nas rodas a esta iniciativa”, sentenza o portavoz, Javier Santín.

 

O popular explica que “o Concello debe solicitar a desafectación do edificio ante a consellería de Educación, pero non o fixo nin está a facer nada para avanzar nos trámites administrativos”. Así se desprende das respostas do goberno local ás preguntas formuladas polo Grupo Municipal Popular no último pleno.

 

O Parlamento galego aprobou o 11 de decembro de 2019 por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular, transaccionada co Grupo Socialista, a través da que se solicitaba que a Xunta acordara co Concello de Cervantes as actuacións necesarias, particularmente a súa desafectación, para acometer a reconversión da antiga escola unitaria de Donís e convertela nun espazo de actividades especialmente dirixidas á xuventude e vinculadas á natureza, medio ambiente, patrimonio cultural, arqueolóxico e a actividades de lecer, tempo libre e turismo alternativo. “A Xunta cumpriu a súa parte, pero o Concello non”, lamenta.

 

Santín cualifica esta actitude de “moi negativa para Cervantes” porque “dende o Concello tampouco propoñen ou estudan ningún tipo de iniciativa para dinamizar económica ou socialmente o noso municipio. A pasividade do goberno socialista apréciase, por exemplo, nos orzamentos municipais para o 2022 recentemente aprobados e nos que o Concello adopta un papel de mantemento en lugar de promover iniciativas tractoras para o municipio”.

 

Os populares inciden en que “é unha pena que o Concello non aposte por potenciar o gran patrimonio paisaxístico e medioambiental que ten o noso municipio situado en plena Reserva da Biosfera e que constitúe un importante reclamo turístico”.

 

Apoios doutras administracións

O Grupo Municipal Popular insta ao goberno local a amosarse “receptivo” ante esta inversión; “e tamén ante calquera outra inversión de calquera administración pública no noso concello”.