Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte denuncia o mal estado no que quedaron as obras feitas recentemente nas rúas Abelardo Baanante e Armando Cotarelo, e na praza Doctor Goyanes

Monforte de Lemos, 28 de febreiro de 2022. O Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos denuncia o mal estado no que quedaron as obras realizadas recentemente nas rúas Abelardo Baanante e Armando Cotarelo, ademais de na praza Doctor Goyanes. A voceira popular, Katy Varela considera que “isto é unha falta máis de rigor na xestión de Tomé, que sempre ten moita presa en facer obras pero non se preocupa da súa execución real”.  

 

Varela explica que, tanto en Armando Cotarelo como na praza, acumúlanse charcos de auga con facilidade que, sumado á humidade, dá lugar á aparición de mofo e verdín. “Ademais de dar unha imaxe de falta de limpeza e de descoido, pode ser perigoso para os viandantes que poden patinar”, advirte. 

 

Estas obras xa foron polémicas dende o seu inicio, segundo remarca a popular, pois “ademais de seren paradas en diversas ocasións debido aos problemas da pedra  e coa empresa encargada de facelas, agora, unha vez rematadas, o estado é vergoñento". 

 

“Con Tomé en vez de obras en Monforte o que temos son chapuzas e isto co tempo tradúcese nun maior gasto para os cidadáns e para o propio Concello”, conclúe.