Partido Popular de Lugo

Balseiro promove un debate sobre a simplificación e homologación das titulacións no sector pesqueiro

Cervo, 27 de febreiro de 2022.-  O deputado popular, José Manuel Balseiro, considera necesario promover un debate sobre a necesidade de simplificar o proceso de formación, así como a homologación de titulacións no ámbito marítimo pesqueiro. Con esta finalidade defenderá unha iniciativa na vindeira sesión da Comisión de Pesca do Parlamento galego prevista para a semana que comeza. 

 

O parlamentario di que tanto os profesionais que deben enrolarse nos barcos, como as empresas armadoras, están sometidos a unha gran “carga administrativa” pola complexidade que na actualidade presenta o proceso de homologación da experiencia profesional para tripulantes e mandos, así como pola falta de flexibilidade dalgúns itinerarios formativos, problemática que se suma á escaseza de man de obra cualificada. 

 

“Non é xusto, nin razoable, que un profesional do mar perda tempo e diñeiro en papeleo, cando hai demanda de emprego no sector e hai persoas cualificadas para desenvolver eses traballos, que teñen que estar meses de agarda para homologar os seus títulos ou acreditar a súa experiencia laboral. A administración ten que ser rigorosa, e garantir unha formación de calidade e suficiente, pero non actuar como un obstáculo” 

 

NORMATIVA ESTATAL QUE PODE MELLORARSE 

 

O tamén presidente da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia di que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación debe afrontar este debate e coordinar coas comunidades autónomas a fórmula que sirva para facer máis sinxelos e áxiles todos os trámites de obtención destes títulos e homologacións. 

 

Na actualidade os títulos profesionais do sector pesqueiro están regulados no Real Decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, que traspón á lexislación española o Convenio internacional sobre normas de formación titulación e garda para o persoal dos buques pesqueiros.  

 

De xeito paralelo, a Lei Orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das Cualificacións e  da Formación Profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditacións, que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas.  

 

“Queda claro que as competencias básicas de ordenación nesta materia corresponden ao Ministerio competente en materia de pesca. A propia normativa permite á administración establecer os requisitos de acceso correspondentes a cada título, así como o camiño que debe seguirse para a homologar a experiencia laboral destes profesionais”. 

 

Segundo explica Balseiro hai profesionais enrolados nos buques de pesca que pola súa experiencia e capacidade, sumándolle unha formación complementaria, poden realizar outras atribucións de maior complexidade, pero a dificultade nos procesos de homologación de títulos e a rigorosidade da actual sistema de formación náutico pesqueira fan que desistan no intento”.