Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde esixe ao alcalde, José María Arias, que aclare que xestións fixo para conseguir a titularidade do castelo e que resultados conseguiu

Castroverde, 25 de febreiro de 2022. A torre da fortaleza identifica a Castroverde e constitúe unha das pezas máis significativas do patrimonio histórico do municipio. O alcalde de Castroverde, o socialista José María Arias, comprometeuse a xestionar a consecución para titularidade municipal de tan emblemática construción, pero, segundo sinala o portavoz popular, Rubén Otero, “pasan os meses e nada se sabe do resultado das xestións feitas polo alcalde”. Anuncia “a presentación dunha iniciativa no pleno para que explique á corporación e a todos os veciños que ten feito ata o momento e se conseguiu algún avance ou está todo como estaba cando empezou”. Otero destaca que cada mes que pasa o edificio deteriorase máis. 

 

Otero di que o concello de Castroverde precisa poñer en valor a torre, porque constitúe un dos seus grandes atractivos. “Pero o primeiro que hai que conseguir son as condicións para poder planificar a súa rehabilitación”, sinala o portavoz popular. Tamén indica que o alcalde incumpre o compromiso adquirido diante do pleno municipal, porque ou non fixo as xestións precisas ou non conseguiu o resultado desexado. 

 

Para os populares, a consecución da titularidade da torre e o inicio do proceso para a súa rehabilitación é un proxecto acaído para o uso de fondos europeos, aos que debe optar o Concello. 

 

Rubén Otero di que o alcalde está obrigado a dar explicacións claras e concretas sobre o que leva feito ata o momento en relación coa torre e os resultados conseguidos.