Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte reclama a Tomé que adopte as medidas oportunas para garantir a seguridade dos peóns durante as obras no parque do Hospital

A execución de obras para ampliar ou mellorar infraestruturas e servizos pode ser unha boa nova para os veciños, pero para elo teñen que darse as condicións adecuadas en canto ás previsións para evitar tantas incomodidades como sexa posible aos administrados e, fundamentalmente, para garantir a súa seguridade. Así o sinala a portavoz popular, Katy Varela, á vista de como afectan aos peóns as obras do parque do Hospital.

 

Dadas as actuais circunstancias, todo indica que na programación das obras do parque do Hospital houbo algunha carencia, que pode ter consecuencias moi negativas para a seguridade vial. Coa execución das obras, quedou fora de servizo o paso habilitado para peóns e agora teñen que camiñar polo arcén, moi estreito, e sen medida algunha de seguridade. Trátase dunha estrada que rexistra abundante tráfico, polo que o risco para os camiñantes é evidente.

 

A portavoz popular reclama do goberno municipal, presidido polo socialista José Tomé, que adopte canto antes as medidas oportunas para garantir a seguridade do tráfico peonil nesta parte da cidade.