Partido Popular de Lugo

O PP condena que “o goberno local asuma o rol de encargado de mantemento en lugar de promotor de iniciativas para revitalizar Cervantes”

O Grupo Municipal Popular de Cervantes condena que o goberno local de Cervantes asuma o papel de “encargado de mantemento, máis que o de promotor de iniciativas tractoras para revitalizar o noso concello”. O portavoz, Javier Santín, explicou trala celebración do pleno municipal deste mércores que “non podemos apoiar uns orzamentos para o 2022 que son continuistas e acomodados, igual que o vimos denunciando nos últimos anos”.

 

Os populares, que xa lamentaran que as contas para este exercicio non foran presentadas antes do inicio deste ano, demandan “un maior esforzo do Concello de cara ao desenvolvemento de proxectos revulsivos para mellorar Cervantes”.

 

Santín explica, nese sentido, que “o goberno local se limita a botar algo de formigón, pero botamos en falta iniciativas políticas dirixidas a fortalecer o noso tecido produtivo básico, como é o sector agrogandeiro, a través de distintas actividades de promoción da diversificación das actividades ou da implantación doutras actividades de aproveitamento dos nosos recursos naturais”. Igualmente, “dende o Grupo Municipal Popular defendemos políticas de apoio aos emprendedores que favorezan a implantación de novos negocios en Cervantes”.

 

O popular sempre defendeu que “Cervantes debe ser un referente para o turismo pola súa riqueza paisaxística e todos os seus bens”. Nese sentido, lamenta que “este goberno local non se esforce na promoción turística do noso concello que permitiría potenciar o sector hostaleiro. Botamos en falta iniciativas concretas, por exemplo, na Feira Internacional de Turismo en Madrid (FITUR)”. Así mesmo, Santín condena “a deficiente sinalización municipal das nosas vilas e recursos”.

 

Dinamización social

Os populares de Cervantes tamén condenaron durante a sesión plenaria a falta de actividades dirixidas tanto á xuventude coma aos maiores. “O desenvolvemento de cursos, charlas e actividades culturais non supón un gran esforzo económico para o Concello; polo que demandamos máis actividades dirixidas aos mozos que o goberno local ten abandonados e tamén para os máis maiores, por exemplo, cursos sobre o uso das novas tecnoloxías e talleres de memoria para manterse activos como están a desenvolver noutros concellos”.

 

O portavoz popular destaca, por outra banda, que as pequenas axudas que concede o Concello de Cervantes serven de apoio para o desenvolvemento de actividades por parte de distintos colectivos. Polo tanto, bota en falta que “sexan máis abertas á sociedade e aos colectivos en xeral que queiran desenvolver iniciativas porque, moitas veces, sen este apoio teñen dificultades para levalas a cabo”.

 

Xestión de franxas secundarias

Os populares consideran “prioritaria a prevención contra os incendios forestais”. É por iso polo que volveron a preguntar durante a sesión plenaria deste mércores se o Concello de Cervantes se adheriu ao convenio entre a Fegamp e a Xunta sobre a xestión de biomasa en franxas secundarias. Ante o non como resposta, Santín amosou o seu asombro. “Cervantes é o único concello da Montaña que non está adherido. É unha irresponsabilidade por parte do goberno local non actuar na prevención de incendios tendo en conta, especialmente, que nos do 2017 arderon máis de 3.000 hectáreas no concello causando importantes danos”.