Partido Popular de Lugo

O PP logra, tras o informe da Valedora do Pobo, visitar as instalacións da Deputación no antigo Fogar de Santa María

O portavoz e o viceportavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira e Óscar Poy, respectivamente, visitaron esta mañá as instalacións do antigo fogar de Santa María, onde despois da reforma, están, entre outros, os servicios provinciais de Recadación, Medio Ambiente, Asesoría Xurídica e Formación. Os populares tiveron que acudir á Valedora do Pobo para que fose autorizada esta visita, xa que no primeiro intento o goberno provincial impediu o acceso dos representantes populares. O portavoz do PP na Deputación, Javier Castiñeira, sinala: “ Por fin no día de hoxe, o grupo provincial do Partido Popular puido visitar o edificio do antigo Fogar de Santa María, recentemente arranxado. Estamos contentos e agradecemos aos xefes de servizo e a todos os funcionarios a boa acollida. As instalacións quedaron ben; quedan aínda algúns flocos en materia de accesibilidade, de cobertura de Internet e algunha cousiña contraincendios, pero o prioritario está feito e as melloras neses servizos son evidentes”.

 

Castiñeira indica: “Con esta visita péchase unha polémica, que acabou na Valedora do Pobo e que demostra unha vez máis que o Grupo Popular ten dereito a visitar as instalacións provinciais; simplemente cunha notificación previa é suficiente. O goberno provincial sigue empeñado en dar permiso para acceder e non fai falta tal permiso, é suficiente coa notificación previa, como di a Valedora do Pobo”.

 

O portavoz popular lembra que tamén lle foi denegado no seu día o acceso á nave da Deputación en Begonte. En relación con este asunto, Castiñeira di: “Esperemos que agora o equipo de goberno prepare as instalacións de Begonte, para poder visitalas, dado que o argumento que usaron para non autorizar a visita foi que non se podía garantir a seguridade dos deputados polo estado da nave. Esperemos que en poucos días a poñan en condicións para poder visitar esas instalacións”. Lembra que o Grupo Popular solicitou tamén acceso ás antigas oficinas de Suplusa, na rúa San Marcos.