Partido Popular de Lugo

“O pleno extraordinario improvisado saca á luz importantes reparos nas contas do goberno vilalbés”, di o PP

A voceira do Grupo Municipal Popular de Vilalba, Sandra Vázquez, considera que “a convocatoria doutro pleno de carácter extraordinario no que vai de mandato demostra a falta de xestión, a improvisación e en definitiva o desgoberno do PSOE en Vilalba”.

 

Tendo en conta que “a conta xeral debería estar aprobada antes do 1 de outubro de 2021 e, polo tanto, xa vai con catro meses de atraso; o goberno local debería, polo menos, respectar o regulamento e convocar este pleno cun mínimo de dous días hábiles de antelación. É unha falta de cortesía e de respecto telo convocado con menos de 18 horas de antelación. Condenamos as malas formas do goberno local”, matiza a popular.

 

Os populares votaron a favor da aprobación da conta xeral que é “un documento técnico e contable, elaborado polos servizos xurídicos e económicos, que reflexa a situación económica do Concello. En definitiva, un traballo moi laborioso realizado polo persoal encargado nesta área, ao que lle agradecemos o seu esforzo. A diferencia doutros partidos o Partido Popular é  un partido de goberno, que coñece e recoñece a necesidade de aprobación da conta Xeral para que o Concello reciba as oportunas subvencións das diferentes administracións públicas, entre outras cuestións”, apuntou Vázquez.

 

En minoría, cos presupostos do PP e con informes desfavorables sobre contratación

Con todo, quixo deixar claro durante a sesión plenaria celebrada de xeito telemático que “o goberno local esquece día a día tres cuestións fundamentais. Gobernan en minoría e, ás veces, esquéceno e gobernan con prepotencia, incluso ante o seu socio de goberno que ten que saír ao seu auxilio porque ve claramente que van en caída libre”.

 

Tamén recordou a popular que “o goberno local do PSOE segue traballando cunhas contas elaboradas polo anterior goberno do Partido Popular ás que os socialistas se opuxeran no seu momento; pero non deberían ser tan malas cando van camiño de gobernar tres anos coa planificación feita polo PP”.

 

Así mesmo, Vázquez incidiu en que “os responsables xurídicos e económicos advirten en numerosos informes desfavorables sobre o seu proceder na contratación”.

 

 

Lamentamos que a alcaldesa queira botar culpas ao PP en lugar de poñerse a traballar

A voceira popular sinalou, en canto ao recoñecemento extraxudicial de crédito incluído na orde do día deste pleno extraordinario, que “tal e como explicou a interventora se corresponde cunha factura traspapelada, pero que nada ten que ver coa responsabilidade do anterior goberno do PP como a alcaldesa quere facer ver. É lamentable esa actitude. O que lle pedimos son uns orzamentos que contemplen as necesidades deste ano 2022 e que o seu equipo de goberno se poña a traballar nun proxecto de futuro como merece Vilalba e os vilalbeses”.