Partido Popular de Lugo

O Parlamento galego demanda á Xunta que afonde na promoción da calidade alimentaria galega a nivel nacional e internacional

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que insta á Xunta para que continúe afondando na promoción da calidade alimentaria galega por medio do desenvolvemento de actuacións que impulsen a nivel nacional e internacional os produtos galegos de calidade diferenciada. “Todas as ferramentas de crecemento coas que xa conta o sector, como é o caso das estratexias sectoriais ou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, han de vir consolidadas pola valorización e a promoción da excepcionalidade dos nosos produtos”, manifestou a portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia.

 

Na súa intervención, Candia lembrou que o pasado mes de decembro presentouse a sección Galicia Calidade Alimentaria, dentro da recoñecida marca institucional do Goberno galego Galicia Calidade, unha sección específica que ampara todas as producións alimentarias de calidade diferenciada, co gallo de fomentar o bo facer secular e a excelencia dos produtos alimentarios galegos.

 

TRABALLO E ESFORZO

 

“Todos os galegos e galegas somos conscientes da calidade alimentaria coa que gozamos en Galicia, e temos que ser igualmente conscientes da importancia que posúe o feito de levar a cabo actuacións que, como as emprendidas ata o momento polo Goberno galego, permitan poñer de relevo todo o traballo e o esforzo que supón a elaboración de produtos excepcionais”, sinalou a portavoz popular.

 

Neste ámbito enmarcou actuacións como Galicia Calidade Alimentaria, “a través da que se amosa o compromiso da Xunta e de toda a cidadanía galega a prol dos grandes xeradores da calidade: dos gandeiros, agricultores, apicultores, viticultores, bodegueiros, queixeiras, mariñeiros, mariscadores ou acuicultores, entre outros moitos produtores galegos”, anotou.