Partido Popular de Lugo

“Os veciños piden a dimisión do alcalde por non posicionarse do seu lado sobre o proxecto da central hidroeléctrica”, destaca o PP de Alfoz

“Ante a falta de respostas do alcalde de Alfoz e, polo tanto, da perda de tempo que supuxo a reunión convocada dende o Concello sobre o proxecto da central hidroeléctrica; moitos veciños pediron a súa dimisión”, explica o portavoz do PP, Jacobo Geada, que acusa ao rexedor de “gardar silencio cando os veciños lle preguntaron se se iba a posicionar do seu lado ou do lado da empresa”. A este respecto, indica, “os veciños cren que se non está para defender os intereses dos que o elixiron para representalos na administración máis próxima como é o Concello, o alcalde debería marchar”.

 

O popular resume a reunión como “tempo perdido” porque “o alcalde limitouse a dar datos técnicos do proxecto, pero non datos de como pode afectar a obra ao noso municipio, que son os que realmente preocupan á maioría dos veciños. O que queremos é que os representantes dos veciños no Concello expliquen aos veciños o proxecto dunha forma sinxela para que todos o entendamos; e non que lea as medicións que aparecen no anteproxecto”.

 

Polo tanto, Geada considera que “a reunión serviu para que os veciños vexan que están totalmente indefensos e abandonados por parte do equipo de goberno, cando este debería ser o primeiro en moverse e máis especialmente ao ser coñecedores de que a maioría dos veciños está en contra desta obra”. A este respecto, lamenta que “o alcalde parecese máis un comercial da empresa vendendo o proxecto que o máximo representante dos veciños que debería velar polos intereses de Alfoz”.

 

O portavoz do PP condena “a falta de implicación e a indiferenza do rexedor que transmitía co silencio a cada pregunta que os veciños lle formularon. Unha indiferenza impropia do responsable da administración máis próxima aos veciños”. É máis, o popular destaca que “moitos veciños se preocuparon por obter información pola súa conta e, polo tanto, coñecían mellor o tema que o propio alcalde”.

 

Falta de información e de respostas

O voceiro popular explica que “o alcalde non aclarou, a preguntas dos veciños, como deberían facer no caso de estar interesados en presentar alegacións ao proxecto. Non ten nin a máis lixeira idea dos prazos e datas nas que o Concello, os cidadáns ou os afectados, de maneira individual, poden alegar”.

 

“Tampouco soubo explicar se o impacto económico compensaría, dalgún xeito, o impacto ambiental. Nin foi capaz de dar máis datos sobre a viabilidade da empresa. So explicou o mesmo que lle transmitiu a empresa sen molestarse en buscar outro tipo de información”, engade.

 

“O alcalde indicou que a empresa viría dar explicacións aos veciños, algo imprescindible que xa deberían ter feito”, manifesta Geada que tamén defende que “tamén deberían dar explicacións os responsables do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de Pedro Sánchez”.