Partido Popular de Lugo

O Concello de Monforte contabilizou en 2021 reparos de intervención por valor de 3 millóns de euros

O Concello de Monforte de Lemos contabilizou en 2021 reparos de intervención por valor de 2.985.000 euros. Así o indica a voceira do Grupo Municipal do PP, Katy Varela, logo de examinar a documentación pertinente e de constatar que estes pagos se fixeron sen o procedemento legal establecido, e que corresponden na súa maior parte á licitación de servizos e de obras.

 

Katy Varela amósase “profundamente preocupada pola xestión de Tomé” e considera “alarmante” que unha cuarta parte do Orzamento municipal se destine “a este tipo de gastos sen control”. É por este motivo polo que adianta que os populares presentarán unha iniciativa no pleno deste mes no que requirirán ao equipo de goberno maior control e reducir así estes reparos de intervención.

 

Neste senso, a popular explica que, na maioría dos casos, se trata de pagos recorrentes, feitos de forma mensual ao mesmo destinatario e a veces polo mesmo concepto. Así, os gastos enerxéticos, de seguros ou de internet son os que máis abundan, pero tamén existen facturas por servizos profesionais e incluso de obras a empresas que nin tan sequera son de Monforte. “Os informes do interventor son claros e canto á necesidade de licitar este tipo de servizos e obras para dar cumprimento aos principios que recolle a Lei de Contratos do Sector Público”, destaca Varela.

 

A este respecto, dende o PP manifestan que o actual equipo de goberno “non cumpre con estes requisitos. Se o Sr. Tomé tivese en conta estes informes e fixese as cousas como debería, sen dúbida produciríase unha mellora no gasto do Concello o que repercutiría positivamente nos cidadáns, pois produciríase un aforro importante e doeríalle menos destinar unha mínima porcentaxe de fondos á unidade de atención temperá, por exemplo”.

 

Katy Varela remarca que “o Concello debe axustarse aos principios de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos e non discriminación e igualdade de trato entre os licitadores, xa que isto conecta directamente co principio de estabilidade presupostaria e control de gasto”. “O artigo 1 da dita Lei é moi claro en canto á esixencia dunha eficiente utilización dos fondos destinados á realización de obras, adquisición de bens e contratación de servizos”, detalla a voceira popular.

 

Para o Grupo Municipal do PP esta situación é “crítica”, sobre todo, “cando non son poucos os impostos que se pagan neste Concello, pero si poucas as axudas directas aos cidadáns e asociacións ou o gasto destinado a accións que fomenten o desenvolvemento económico da cidade. Cun control do gasto máis eficiente non só se poderían reducir impostos, senón que se podería realizar unha inversión maior nas necesidades que realmente ten Monforte”, insiste.