Partido Popular de Lugo

Poy: “O caso do aparcadoiro do Centrad é unha mostra máis de que os socios do bigoberno da Deputación están máis ocupados en pelexar entre eles por saír na foto que dos intereses de Lugo”

Ao longo do mandato xa quedou sobradamente de manifesto que a Deputación de Lugo non ten un goberno, senón dous, no que cada un dos socios vai polo seu lado e segundo o interese de cada un deles. O caso do aparcadoiro do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), no que o BNG intentou adiantarse ao PSOE en dar a coñecer que se abriría ao público durante algunhas horas ao día, non é máis que outra mostra da falta de entendemento entre os dous integrantes do bigoberno provincial e do pouco que lles importan as necesidades dos lucenses. Tamén nese caso, quen sae prexudicada é a provincia, ou, por dicilo máis directamente, os lucenses, que seguen sen ter un aparcadoiro alternativo e vén como a irresponsabilidade de socialistas e nacionalistas dana a imaxe da cidade. Así o sinala o viceportavoz do PP na Deputación, Óscar Poy.

 

Os populares indican que, “segundo se ve, politicamente era moi tentador para socialistas e nacionalistas aproveitar o fracaso da alcaldesa, Lara Méndez, na organización do tráfico na capital, que, en canto a estacionamento de superficie, é un caos dende que suspendeu a aplicación da ORA sen buscar alternativas”. Engaden: “De aí as présas de socialistas e nacionalistas na Deputación por apuntarse o tanto de abrir ao público o aparcadoiro do Centrad.

 

Poy explica: “O presidente Tomé, segundo parece, tiña medio perfilado coa alcaldesa a apertura do aparcadoiro. E o BNG non quería perder a posibilidade de apuntarse el o tanto. Como consecuencia correu moito e fixo o anuncio, pero esqueceu que Tomé non é Lara Méndez e fracasou na súa carreira”.

 

Para os populares, esta comedia do aparcadoiro do Centrad podería ser moi entretida se non fora porque, unha vez máis, socialistas e nacionalistas xogan coas necesidades dos lucenses. O viceportavoz do PP na Deputación afirma: “O que queda totalmente claro é que os dous socios do bigoberno non se entenden e que cada un vai por un lado, nunha carreira que vai contra os intereses da provincia”.

 

Poy resume así esta nada edificante carreira entre socialistas e nacionalistas: “Mentres ambos socios de goberno pelexan entre si por ver quen  sae máis na foto, os intereses dos veciños convértense en algo totalmente secundario e iso nótase ben na cidade e na provincia”.