Partido Popular de Lugo

O PP di que “é urxente dotar a A Fonsagrada dun polígono industrial”, pero avisa de que “non pode ser a calquera prezo”

O alcalde de A Fonsagrada, Carlos López (PSOE), empeza a ser consciente de que a xestión efectuada polo goberno que preside foi tan pobre que, a estas alturas do mandato e coas eleccións municipais xa no horizonte político, ten que facer algo con urxencia. Así se desprende da súa intervención no foro As oportunidades de futuro na montaña lucense, da que se extrae a conclusión de que pensa avanzar sen maior reflexión na creación do polígono industrial, aínda que sexa a costa de endebedar o Concello durante moitos anos. O portavoz popular, José Regueiro, sinala: “Sen tempo non é que empecen a ver a realidade despois de 20 anos gobernando; era tempo de que empezaran a pensar que hai que facer algo polo pobo e analizar os problemas do rural. O malo é que esta preocupación chega tarde, mal e arrastro e pode ter consecuencias moi perniciosas para o municipio, é dicir, para os intereses dos veciños”. Regueiro cre que é urxente dotar a A Fonsagrada dun polígono industrial, “pero non a calquera prezo”.

 

Do exposto no citado foro, Regueiro conclúe que “agora pretenden construír de présa e correndo o polígono industrial, despois de tres anos de goberno do socialista Carlos López, porque déronse conta de que aínda non fixeron nada de nada”. A este respecto, sinala dous aspectos relevantes. Por un lado, Regueiro di que o Concello de A Fonsagrada e Suplusa tiña un acordo polo que, a agora desaparecida sociedade provincial, asumía integramente o custo do polígono. Agora, lembra o portavoz popular, o preacordo establecido coa Deputación supón que o Concello ten que aportar unha parte do orzamento, o que o levarán a aumentar o endebedamento de maneira inadmisible.

 

Por outra parte, Regueiro pon de relevo que de momento non se dispón dos terreos necesarios para o polígono.

 

Aos populares de A Fonsagrada chámalles a atención que o Concello se cure en saúde e lance mensaxes acerca da necesidade de que colaboren as outras administracións. Nesta liña, indica que os accesos ao polígono que se proxecta poderían afectar ao Camiño de Santiago. “O caso é que o alcalde cúrase en saúde e insta a outras administracións a non poñer paus nas rodas”.