José Regueiro revalida a presidencia do PP de A Fonsagrada “para continuar liderando un proxecto gañador, creado con esforzo e ilusión e que o Partido Popular recupere o goberno local”. O popular proclamouse presidente co 100% dos votos durante o congreso celebrado esta mañá, e que contou coas intervencións da Presidenta Provincial, Elena Candia, e do Secretario Xeral do PPdeG, Miguel Tellado. Tamén participaron os Secretarios Xeral e de Organización, Javier Nodal e Javier Vázquez Prado, respectivamente; ademais do Coordinador Xeral, José Manuel Balseiro Orol, e outros cargos orgánicos do Partido.
José Regueiro destacou que estará acompañado “dunha nova e importante incorporación”. Trátase do arquitecto técnico e empresario Zeus López Deiros, que ocupa o posto de Secretario Xeral. ”Con el, o PP fonsagradino, dixo o recente elixido Presidente, “fortalecemos o Partido de cara ao proceso tan imporante que temos en maio do ano que vén”.
A Fonsagrada precisa “cambio”
Pola súa banda, Elena Candia agradeceu persoalmente a todos os integrantes da Executiva “o seu compromiso co noso Partido”, sobre todo, “cando A Fonsagrada ten un importante peso político nun dos obxectivos que nos marcamos para o ano 23, que é gañar a Deputación de Lugo”. Por este motivo, a dirixente provincial pediu ao PP local “que siga na mesma senda porque somos necesarios e son moitos os fonsagradinos e lucenses que demandan o cambio ante a incerteza e inseguridade que xeran os gobernos de esquerda”.
Coincidindo coas palabras de Regueiro, Candia sinalou que “a nós non nos vale con gañar; en Fonsagrada xa o fixemos nas últimas municipais. O que temos é que arrasar e temos que facelo, dixo, porque como sinalou o Presidente local o Partido Socialista é un auténtico destrutor de servizos”.
“Primeiro, foi a rexistradora da propiedade, que marchou e aquí ninguén dixo nada; despois os GES, 12 postos de traballo a custe cero para o Concello, que contribuían e garantían unha rápida asistencia en caso de emerxencia; agora o servizo da Policía Local, con todo o trastorno de tráfico que xa temos; e, xa máis recentemente, pretenden endebedarse 14 anos a costa do polígono industrial e todo elo porque o alcalde non fixo nada; os veciños teñen que seguir pagando a luz das farolas, non teñen traídas de auga axeitadas, as estrada mellor non falar delas… Iso si, prefiren gastar 200.000 euros nun pista de pádel”, lamentou o novo Presidente.
“O único que busca o PSOE é manterse no poder a costa de comprar votos cos cartos de todos”. Por iso, Regueiro destacou a importancia de acadar a gobernabilidade neste municipio e seguir traendo investimentos como os que está a realizar a Xunta de Galicia. A modo de exemplo citou a mellora de estradas autonómicas, nas que o Goberno galego investiu 2 millóns de euros, ou a reforma do colexio, que contou cun orzamento de un millón.
Durante a súa intervención, o novo Presidente manifestou o seu compromiso para dar continuidade aos resultados acadados en 2019, eleccións nas que o PP foi forza máis votada despois de 30 anos sen selo “e, o que é máis importante, conseguimos romper o feudo socialista na Montaña”, afirmou.
E é que as forzas de esquerda de A Fonsagrada “xa sabemos como son”. Neste senso, lembrou como o BNG “tamén se vendeu ao PSOE, entregando o seu apoio a Carlos López a cambio de nomear dous asesores na Deputación: un para o Partido Socialista, cunha retribución anual de case 45.000 euros e, o outro, para o Bloque Nacionalista Galego, cun salario de 37.000 euros”.
Comisión Executiva
Ademais de José Regueiro (Presidente) e de Zeus López Deiros (Secretario Xeral), o resto da Comisión Executiva está integrada polas seguintes persoas:
Vogais natos: Bernardo Xavier Niño Neira (empresario), Amelia López Niño (veterinaria), Yrma Fernández López (profesora no CEIP Santa María) e Adrián Fernández Fernández (peón condutor brigada contraincendios); todos eles concelleiros na actualidade.
Vogais: Rosario López Linares (gandeira), Carlos Fernández Vázquez (gandeiro), Maira López Lombardero (hixienista dental e escritora), José Manuel Álvarez Pérez (traballador por conta allea), Antonio Rodil Álvarez (axente de seguros), José Fernández Riveras (xubilado), Amador Rego Murias (empresario) e Alba Legaspi Valiña (veterinaria).