Partido Popular de Lugo

O PP de Monterroso agradece o interese que mostra a Xunta para apoiar a reforma e posta en valor da área recreativa de A Peneda

O primeiro tenente de alcalde e voceiro do PP monterrosino, Eloy Pérez Sindín, entrevistouse coa conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, xunto coa alcaldesa, Rocío Seijas, e na compaña do técnico que redactou o proxecto, para explicar a reforma que se pretende levar a cabo na área recreativa de A Peneda, que sofre un grave deterioro. Os populares agradecen o interese posto polo Goberno de Galicia para apoiar a mellora desta zona recreativa do concello de Monterroso

 

Segundo indicou o voceiro popular, este proxecto será presentado proximamente á cidadanía de Monterroso, para que todos poidan coñecer de primeira man a intervención que se levará a cabo. Os veciños de Monterroso poderán realizar aportacións para conseguir que esta zona recreativa sexa verdadeiramente un área de lecer para todos os habitantes do concello, da comarca da Ulloa e das comarcas limítrofes.

 

O proxecto busca a integración paisaxística e a humanización do recinto situado ó carón do río Ulla coa mellora das condicións de accesibilidade. As actuacións que se proxectan na zona de aseos son a substitución do material da cuberta, totalmente degradado, e a terminación das fachadas con madeira termotratada, modificando as portas de entrada para facelas accesibles.

 

A zona da cafetería rehabilitarase con madeira termotratada na fachada; acometerase a substitución das carpinterías existentes por outras con rotura de ponte térmica e vidros illantes; impermeabilizarase a cuberta e colocarase unha pérgola de aluminio con lona retráctil; o pavimentado será de adoquin con xunta vexetal de forma continua.

 

Na zona de presa, a rampla de acceso estará revestida de granito; renovarase o pavimento, conectando esta zona con firme de formigón con xuntas vexetais.

 

As piscinas renovaranse con membrana armada, substituíndo o pavimento por gres con formato antideslizante; renovaranse as barandas e farolas e colocaranse balizas de iluminación e tobogáns.

 

Un dos obxectivos primordiais e a acadar é a mellora da accesibilidade no borde do río, configurando un percorrido pavimentado con árido visto con xuntas vexetais, de xeito que se poda acceder á zona de pasarela do río nun percorrido sen escaleiras, complementando o percorrido con balizas de iluminación.

 

Finalmente para os cativos renovarase o parque infantil con novos xogos e pavimento técnico con madeira termotratada; a pista deportiva que se transformará nunha pista multideporte moito mais funcional que a actual.