Partido Popular de Lugo

O PP de Castroverde insta ao alcalde a resolver de inmediato os problemas que impiden dende hai días que algúns usuarios do SAF reciban o servizo

O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) é fundamental para o benestar de moitos veciños do municipio. A deficiente xestión do goberno local, presidido polo socialista José María Arias, fixo que o cambio, o relevo, da empresa que o desempeña non se levara a cabo coa precisión necesaria, de tal maneira que hai usuarios que levan varios días sen recibir esta prestación, segundo pon de manifesto o portavoz popular, Rubén Otero, que pide explicacións ao alcalde.

 

“O Partido Popular, coñecedor dos problemas que se dan ao fío do cambio de empresa que atende o SAF, esixe ao alcalde que adopte de inmediato as medidas necesarias para resolver o problema”, sinala Otero. O portavoz popular di que “segundo se recolle nun medio de comunicación, o alcalde admitiu que non tiña información sobre as deficiencias que están a afectar o servizo e polo tanto aos seus usuarios; é incompresible que o alcalde non teña coñecemento dende o minuto cero dos problemas que se dan nos servizos municipais”.

 

Rubén Otero sinala: “Os veciños de Castroverde teñen no PP unha vía para canalizar as queixas e reclamacións que teñan con respecto á administración municipal, tanto neste caso como en calquera outro”. Explica que “os populares xa presentamos ao pleno numerosas iniciativas en relación co SAF, para intentar que foran remediadas as carencias que presentaba”.

 

O mesmo representante do PP di que “unha vez máis queda de manifesto o escurantismo co que opera o goberno municipal de Castroverde; se hai problemas, e máis se se trata dun servizo da importancia que ten o SAF, hai que informar debidamente aos interesados e aclarar como se van resolver e cando”.