Partido Popular de Lugo

O PP burelés lamenta “as rúas desertas neste venres de mercado” e que “o alcalde culpe aos comerciantes da suspensión indefinida”

O voceiro do Grupo Municipal Popular, Manuel Rouco, lamenta que “o señor Llano culpe da suspensión indefinida do mercado semanal dos venres en Burela aos comerciantes ambulantes por provocar altercados o pasado venres”. Así se desprende das explicacións que o alcalde lle ofreceu ao Grupo Municipal Popular que considera “moi triste a imaxe que ofrecía este venres a localización do mercado semanal de Burela coas rúas practicamente desertas. É a primeira vez na historia que se suspende sen que haxa ningunha situación meteorolóxica perigosa ou algunha cuestión sanitaria de emerxencia”, incide o voceiro.

 

Rouco explica que “o alcalde nos indicou que os comerciantes se reubicaron o último venres nunha soa rúa pola súa conta e risco; sen a mediación de ningún técnico ou autoridade municipal”. Igualmente, “o señor Llano tamén nos trasladou que a ningún deles se lles incrementou a taxa que están a pagar por metro de posto”.

 

Pero, “todas estas afirmacións feitas polo alcalde foron desmentidas por numerosos comerciantes que se deron cita ese día”. É máis, “son numerosas as voces do colectivo de comerciantes ambulantes que se queixan da mala planificación do goberno de Llano ao tratar de colocalos a todos nunha única rúa en Torrentes e tamén da suba inxustificada, e sen ningún tipo de explicación, das taxas para gran parte deles: arredor dun 50% con respecto ao venres anterior”.

 

O Partido Popular de Burela teno claro: “os primeiros interesados en que o mercado semanal de Burela funcione son os comerciantes e os veciños. Polo que tratar de diluír a responsabilidade como fai Llano é unha tomadura de pelo”.

 

Os populares pregúntanse, polo tanto, “ata cando o señor Llano seguirá a tomar decisións de costas á veciñanza e aos diferentes sectores que se vén afectados”. E ante estes desmáns, lamentan tamén que “a súa muleta permanente, o BNG, dea calada por resposta apoiando co seu silencio cómplice o mal proceder do goberno do señor Llano”.

 

“O BNG vende fume: a taxa municipal ás farmacias xa non se pode cobrar debido a unha sentenza xudicial do 2019”

Os populares consideran, así mesmo, que “o BNG asume a estratexia do goberno local vendendo fume aos veciños como é o caso da súa suposta negociación para que as farmacias de Burela non se lles cobre a taxa municipal de expendeduría na quenda de garda, algo que xa sucedía debido a unha sentenza xudicial do ano 2019 que obrigaba ao goberno de Llano a recuar nesta inxusta pretensión; xa anticipado no seu día polo goberno local do PP”.

 

Rouco aclara que “en esencia, o cobro desta taxa ás farmacias é algo que non sucedía porque a ordenanza que pretendía regular este goberno municipal xa fora paralizada no último pleno ordinario do ano 2021 debido, en boa medida, ao posicionamento do Grupo Municipal Popular. Agora, o que conseguiu o goberno socialista do señor Llano coa inestimable apoio do BNG foi subirlles as taxas a tódolos veciños e veciñas da nosa vila”, conclúe.