Partido Popular de Lugo

O PP ve contraditorio que Tomé eluda responsabilidades propias da Deputación e ao mesmo tempo entregue desfibriladores á Policía Nacional, que depende do Goberno

O goberno provincial argumenta con frecuencia a falta de competencias da Deputación para enfrontarse politicamente á Xunta de Galicia e para desestimar iniciativas da oposición. Con frecuencia, a propia actuación do goberno invalida eses argumentos. O portavoz popular, Javier Castiñeira, sinala: “Vimos de coñecer que a Deputación de Lugo anuncia o equipamento con desfibriladores das Comisarías da Policía Nacional en Lugo, Monforte e Viveiro. O PP non vai criticar esa acción, que se pode entender dentro da colaboración entre administracións. Pero entendemos que é unha campaña máis do señor Tomé, do Partido Socialista. O señor Tomé estanos dicindo pleno tras pleno que non hai cartos na Deputación para financiar servizos que non son competencia da Deputación; usa ese argumento para loitar politicamente e facer oposición á Xunta de Galicia e vemos agora que financia equipamento que debe facer o Goberno de España, neste caso por mediación da Subdelegación do Goberno”.

 

Castiñeira di en clave irónica: “É posible que tamén neste caso o señor Tomé queira facer de subdelegado do Goberno e con elo terá que equipar tamén con desfibriladores todos os cuarteis da Garda Civil da provincia de Lugo, nese afán de ocupar cadeiras, que o ten tan ocupado”.

 

O portavoz popular declara: “Esta campaña de propaganda é máis grave que isto. Tomé, como responsable socialista, intenta ocultar a falta  de investimento do Goberno do Estado na Policía Nacional na nosa provincia. Vimos de coñecer tamén que  o Goberno central desestima a posibilidade de facer a nova Comisaría  no barrio da Residencia, algo que é unha petición de todos os lucenses  e unha necesidade real”. Castiñeira está convencido de que “o señor Tomé prefire ocultar esta mala noticia dicindo que vai instalar tres desfibriladores nas comisarías da Policía Nacional”.

 

Os populares fan unha recomendación ao presidente da Deputación: “Céntrese e trate de resolver os graves problemas que ten a provincia de Lugo, que non dá solucionado, como as estradas, a industria lucense e os empresarios aos que non é capaz de axudar, e déixese de velar polas responsabilidades doutros compañeiros, que debe asumir cada un as súas”.