Partido Popular de Lugo

Daniel Vega: “As chapuzas do goberno local do BNG indignan aos veciños de Rinlo”

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, asegura que “os veciños de Rinlo están completamente indignados e cabreados. É moi normal porque día tras día notan que non hai ningunha inversión por parte do goberno local do BNG”.

 

O popular explica que “a asociación de veciños tiña unha proposta coa que estaba de acordo toda a hostalería para a ordenación do tráfico. Demandan dende fai moitísimo tempo aparcamentos públicos en Rinlo”. Nese sentido, Vega explica que “noutros pobos similares a Rinlo teñen aparcamentos na súa entrada; pero aquí o goberno do BNG despreza esta proposta e desvía o tráfico de coches e caravanas por pistas estreitas. Incluso se poden considerar camiños de cabras como se pode comprobar ao visitar Rinlo”. Así mesmo, “hai lameiros e baches, todo moi típico do goberno do BNG”, apunta.

 

Vega explica que “dende o Grupo Municipal Popular pedimos que se escoite aos veciños de Rinlo e á asociación de veciños”. De feito, os populares defenden que “as decisións hai que tomalas en consonancia cos veciños. Non hai que dicilo só en artigos ou escritos por parte do BNG; senón que hai que facelo na realidade”.

 

O popular indica que “a realidade de Rinlo é que, se non se toma unha decisión coherente e sensata; as caravanas e coches van ir por camiños de cabras. E isto afecta ás distintas empresas que hai no pobo: o laberinto, o cámping e tamén a hostalería. O que non se pode facer é aparcamentos rápido e correndo que o único que fan é reducirlles espacio ás carreteras e pasar a convertelas, practicamente, en vías de sentido único”.

 

Vega pregunta pola “coherencia e responsabilidade das accións que se levaron a cabo estes días en Rinlo onde todo o que se fixo foi en contra da opinión da asociación e, polo tanto, en contra dos veciños. O BNG moito di que escoita, pero despois oídos xordos e faise o que di o goberno local do BNG”, conclúe.