Partido Popular de Lugo

Tito Suárez acusa ao goberno local do BNG de “restar en lugar de sumar a favor do deporte en Ribadeo”

Tito Suárez, coordinador de deportes dos populares ribadenses, asegura que “o alcalde e ao concelleiro de deportes do goberno local do BNG tratan de tapar a falta de traballo e responsabilidade con insultos e menosprezos. É o que levan facendo durante todo este mandato”.

 

Así o explica ao ter coñecemento a través dos medios de que “o goberno local do BNG acusa ao Grupo Municipal Popular de mentir” e aclara que “os que faltan á verdade a todos os ribadenses dende o minuto 1 sobre o estado do terreo de xogo do Pepe Barrera é o propio goberno do BNG e pódese comprobar pisando o propio céspede”. A este respecto, lamenta que “o goberno do BNG non tiña nin ten solución ao problema do campo de fútbol”.

 

Tito Suárez considera que, “se pretendían insultar ao este grupo ou a algún dos seus membros de forma concreta, saíulles mal: están a insultar ás entidades deportivas que utilizan as instalacións do Pepe Barrera”.

 

O popular aclara que “con insultar a este Grupo non se arranxan os problemas de Ribadeo, ese non é o camiño; o camiño é traballar por e para as entidades deportivas sen coaccionar a ningunha. O camiño é estar no día a día do tecido deportivo e asociativo e non enviar requirimentos a aquelas entidades que reciben colaboración da Xunta”.

 

“En definitiva, o camiño é estar cos pés na terra e ver que sucede cos clubs; coñecer os seus problemas, as dificultades que teñen para afrontar as temporadas e tratar de sumar e non de restar”, engade.

 

O popular indica que “unha das cousas que se ensinan no deporte, tal e como saberá o concelleiro deste ámbito, é que: cando un deportista, por bo que sexa, non rende ben, resta ao equipo; e este goberno moi entendido xa saberá cal é a solución cando alguén resta e non suma”.