Partido Popular de Lugo

Katy Varela lamenta que Tomé continúe “enrocado” en non solicitar as axudas da Xunta para crear unha unidade de atención temperá municipal

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Monforte de Lemos, Katy Varela, lamenta que o alcalde “continúe enrocado” en non solicitar as axudas para crear unha unidade de atención temperá neste municipio. Neste senso, os populares non descartan levar este asunto ao vindeiro pleno, ao igual que xa fixeron hai dous anos.

 

Deste xeito, Varela censura os argumentos o equipo de goberno, amparándose na unidade do hospital, pois, di a voceira do PP, “ambos os dous servizos son de consellerías independentes e compatibles entre si”.

 

“Resulta incomprensible renunciar a un servizo tan importante coma este e tan valorado polas familias. A atención temperá constitúe a base para que os nenos con dificultades poidan ter un mellor desenvolvemento no futuro. Tomé só pensa no asfalto, pero dende o PP cremos que as persoas, neste caso os nenos  e nenas con necesidades especiais, están por riba de todo”, afirma.

 

Tomé “mentiu”

O desleixo de Tomé nese asunto é tal que ata “mentiu” cando dixo publicamente que esta unidade do hospital de Monforte estaba pechada. “Non o está e, aínda que o seu desenvolvemento se viu interrompido pola crise sanitaria, actualmente continúa en formación, pero en absoluto se pechou”. Por tanto, Katy Varela considera que o socialista debería de poñerse en contacto coa dirección do hospital e preguntar sobre esta unidade e non mentir ante a opinión pública só porque se sentiu acurralado polos pais.

 

 

 

“Non hai escusas”

“Non hai escusas”, insiste a voceira do PP,  pois as unidades de atención temperá de carácter municipal, dependentes da consellería de Política Social, levan anos funcionando. Recentemente, no Sur da provincia tamén se puxo en marcha a da comarca de Quiroga. Ademais, a Xunta subvenciona un 90% dos salarios dos traballadores, “polo que é inadmisible non aproveitar estes recursos”. “Será que o que non quere Tomé é traballar?, pregúntase Katy Varela, dado que a xestión é municipal por ser o Concello a administración máis próxima aos veciños.