Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara pregúntalle ao alcalde “por que mira para outro lado cando se están a facer obras sen licencia municipal”

O Grupo Municipal do Popular de Láncara pregúntalle ao alcalde “por que mira para outro lado cando se están a facer obras sen licencia municipal”. Os populares censuran así o proceder do socialista, pois “durante máis dun ano a súa compañeira de goberno, e que era a súa man dereita nos últimos tempos, fixo traballos na súa vivenda sen os permisos necesarios e el era e é coñecedor desta situación”.

 

Dende o PP censuran así “a ocultación” do rexedor, xa que “non son obras menores, como pode ser facer un alpendre para a leña ou mesmo un galiñeiro, son obras que, segundo o publicado nos medios de comunicación, ascendían a 300.000 euros”, afirman.

 

Por este motivo, o populares maniféstanse moi críticos con Piñeiro e pregúntanlle: “por que ese trato de favor? Por que hai veciños de primeira e de segunda en Láncara? e por que non dixo nada?” xa que, con tal actuación o socialista podería estar incorrendo “nun presunto delito de prevaricación”.

 

 

 

Insisten en que Darío Piñeiro “tiña que estar sabedor de todo”. Como exemplo, citan que no verán a entidade local realizou obras na parroquia na que reside a tenente alcalde que el mesmo visitou e que, por tanto, tamén tivo que ver as que a compañeira de Partido estaba a realizar na súa vivenda. “O seu descoñecemento non é crible”, remarcan.

 

“Mentras dende o PP pedimos ata en dúas ocasións que se rebaixase o IBI e se bonificase ás explotacións gandeiras, acadando o voto en contra do PSOE, temos un alcalde que permite estas supostas irregularidades. Esta é a xestión de Darío Piñeiro”, denuncian.

 

Antecedentes e “obriga moral e política de dimitir”

Esta non é a primeira vez que Darío Piñeiro permite que se executen obras sen licencia municipal. Hai anos aconteceu en Trasliste, onde consentiu facer unha vivienda en solo rústico e, en 2018, sendo o promotor o Concello, executáronse actuacións coas máquinas da Deputación por detrás dunha vivienda doutro edil socialista tamén sen permiso. Con respecto a este último caso, os populares expoñen que así foi recoñecido polo propio Darío e que está recollido na acta do correspondente pleno. Por todo elo, dende o PP consideran que o socialista “ten a obriga moral e política de dimitir”.

 

Piñeiro “intimida” aos edís do PP

Os populares tamén lle piden a Piñeiro que deixe de “intimidar” aos concelleiros do PP con mensaxes de Watsapp e con chamadas telefónicas sobre este asunto. Afean así ao rexedor que, nos últimos días, se estea a dirixir por estes medios aos edís do seu grupo “co que semellan ser ameazas e comentarios impropios”. “Entendemos que estea nervioso, pero o que non podemos permitir é que intente presionarnos ou coaccionarnos”, afirman.