Ante as informacións que están a saír publicadas sobre o proxecto da hidroeléctrica que se está a tramitar no Ministerio de Transición e Reto Demográfico, o Grupo Municipal do PP de Alfoz manifesta que, “como non pode ser doutro xeito, estaremos do lado dos veciños” e demanda máis información ao Concello sobre esta iniciativa. E é que, sinalan, “non se pode presentar e facer público o apoio sen antes explicarlles aos afectados a envergadura desta obra, así como as afectacións que poida ter tanto positivas como negativas”.
“Non se pode querer apoiar un proxecto desta magnitude con escurantismo, pois se non fora a inquedanza de algún veciño que o publicou nas redes sociais dende o Concello non o ían a dar a coñecer. A desinformación xera dúbidas e esas dúbidas teñen que ser explicadas minuciosamente. Un proxecto desta magnitude non pode ter consecuencias irreversibles para o noso municipio”, insisten dende o Grupo Municipal do PP.
Esta falta de información que consideran é a que leva aos populares deste municipio de A Mariña a anunciar que nos vindeiros días presentarán por rexistro un escrito no Concello, a través do que demandan do goberno local “que leve a cabo as xestións oportunas para que dende o ministerio se dean as explicacións oportunas aos veciños”. Ademais, indican, “isto non sería moi complicado pois o Goberno e o alcalde son da mesma cor política”.
“Cremos que o que procede agora é que se nos explique en que consiste esta iniciativa que tantas dúbidas está a xerar e que tanta incerteza está a crear”. Os populares pregúntanse así “que pasaría se estivese gobernando o Partido Popular e se intentase levar a cabo unha actuación desta envergadura sen explica antes?”.
Por este motivo, dende o PP de Alfoz insisten na necesidade de que “a mellor maneira de non seguir aumentando a incertidume que temos é que se dea a cara e nos informen de todo”.