Partido Popular de Lugo

O Goberno de Sánchez confirma ao PP que non prevé construír a nova Comisaría da Policía Nacional de Lugo

O Goberno de Pedro Sánchez confirma que non prevé construír a nova Comisaría da Policía Nacional de Lugo.  Así se detalla na resposta á pregunta formulada polos senadores lucenses en relación ás previsións do Executivo respecto destas dependencias, e que esta mesma mañá foi dada a coñecer polos representantes de Lugo na Cámara Alta -José Manuel Barreiro, Rosa Arza, Manuel Varela e Juan Serrano, ademais de pola presidenta provincial, Elena Candia, e os voceiro e vicevoceiro do Grupo Municipal do PP no Concello da capital, Ramón Carballo e Antonio Ameijide, respectivamente. Textualmente a resposta di o seguinte: “nunca ha existido un proyecto real para edificar una nueva Comisaría Provincial de Policía Nacional en Lugo”.

 

“Estamos ante o que é un novo agravio do Goberno cos lucenses. Claramente, na resposta que nos dan, expresan que dende que Rajoy deixou de gobernar no Estado, o PSOE non fixo absolutamente nada por dar continuidade a este proxecto. Nin formalizaron o estudo de viabilidade e nin teñen proxecto. Conclusión: que non van a facer unha nova Comisaría e Lugo e nin hai vontade política”, denunciou José Manuel Barreiro.

 

Por este motivo, indicou Barreiro, “’pedimos aos representantes se están dacordo con este plantexamento. Gustaríame saber se o Sr. Mogo, que onte estivo por aquí, se está a favor. Gustaríame saber se os dous deputados nacionais, se a alcaldesa de Lugo ou o presidente da Deputación tampouco queren. Todo o demais é demagoxia. O que non cabe é dicir que o PP… iso non porque o seu non está nunha resposta por escrito”, remarcou.

 

A presidenta provincial lamentou que, “unha vez máis, teñamos que trasladar aos lucenses un novo castigo de Goberno do Estado con esta provincia e con esta cidade”. Neste senso, tendo en conta este desentendemento manifesto por parte do Executivo e que “recentemente fomos vetados a unha reunión de traballo para seguir reivindicando o que Lugo merece, agora a raíz dunha pregunta sabemos que dende o ano 17 non só non fixeron nada senón que gardan no caixón o que estaba feito e por iso pedimos que rectifiquen”, afirmou.

 

Esta circunstancia que se suma “ao desmantelamento” do propio servizo -basta con lembrar o traslado do 091 a Coruña-, Barreiro considera que “nin Pedro Sánchez, nin o PSOE son rentables para esta provincia”.

 

O PSOE “tumbou” as emendas do PP

O senador lucense lembrou así como “xa nos tumbaron as emendas que presentamos aos Presupostos deste ano”. Concretamente, os populares pedían destinar 2,5 millóns de euros para cumprir cos compromisos xa adquiridos en exercicios orzamentarios anteriores e dar os primeiros pasos para contar cun proxecto que permita iniciar no menor tempo posible a construción dunha nova comisaria de policía na cidade de Lugo.

 

Así mesmo, demandaban a creación dunha unidade de seguridade cidadá na  Comandancia da Garda Civil (USECIC) en Lugo. O Goberno do Partido Popular estaba a realizar xa os estudos procedentes sobre a creación desta Unidade e a modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) da Garda Civil na provincia de Lugo coa finalidade de cubrir os devanditos postos, comprobando que resultaba posible e, ademais, necesaria a súa creación que era solicitada por todas as asociacións profesionais da Garda Civil en Lugo.

 

Do mesmo xeito, esixían a creación dunha unidade de Prevención e Reacción na Comisaría da Policía Nacional en Lugo, tal e como fora aprobada na Comisión de Interior do Congreso o 12 de marzo deste ano 2021 tendo en conta que esta medida resposta a unha demanda social en Lugo e dos representantes sindicais do Corpo Nacional de Policía.

 

Responsabilidade do PSOE de Lugo

En clave municipal, Ramón Carballo manifestou que “estamos francamente abraiados” e apelou á responsabilidade dos socialistas lucenses, nomeadamente á alcaldesa Lara Méndez, xa que agora que a rexedora e o propio presidente da Deputación veñen de asumir cargos destacados do Partido, por unha vez, peten no despacho de Pedro Sánchez  e defendan aos lucenses”.

 

“Esta Comisaría -en referencia á actual- está obsoleta e os efectivos precisan máis medios para desenvolver o traballo tan imporante que fan. Cremos, por tanto, que a resposta que lle deron aos nosos compañeiros é inadmisible, tendo en conta, ademais, que todos somos coñecedores que esta cidade é cada vez máis insegura”, manifestou o voceiro popular no Concello da capital.

 

A este respecto, adiantou que o Grupo Municipal do PP levara unha nova iniciativa ao pleno para que “busquen unha ubicación na que se poida construír”. E é que lembrou, “en 2017 houbera unha Comisión na que as tres administracións -Estado, Xunta e Concello- e só cumpriu o Goberno galego. O resto, olvidouse e non hai compromiso ningún para ter unha nova comisaría tan necesaria”, concluíu Carballo.