Partido Popular de Lugo

O PPdeG asegura que o HADO do Hospital da Mariña atende a todos os pacientes e sen criterio xeográfico

A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, asegurou hoxe no Parlamento galego que “non hai ningún paciente desatendido polo servizo de hospitalización a domicilio do Hospital da Mariña, nin tampouco criterio xeográfico algún para non atender aos pacientes dun ou doutro concello”. “Deixen de desprestixiar con alertas infundadas a situación deste Hospital, ese que BNG e PSdeG dicían que iamos pechar cando a realidade é que, a pesar das dificultades, hoxe ten máis servizos, mellor tecnoloxía, máis persoal e espazo que cando gobernaba o bipartito”, salientou.

 

Encarna Amigo explicou que a unidade de hospitalización a domicilio do Hospital da Mariña da cobertura aos 14 concellos deste distrito sanitario e o seu ámbito territorial non sufriu ningunha variación, nin no que atinxe á dotación de recursos humanos nin en canto a medios técnicos ou cobertura territorial. En concreto, Encarna Amigo dixo que “a dotación de persoal médico desta unidade de hospitalización a domicilio segue a ser de tres equipos asistenciais”.

 

ATENDER AO MAIOR NÚMERO DE PERSOAS

 

Na súa intervención, a portavoz popular demandou a BNG e PSdeG que “non confundan aos cidadáns, porque non se fai ningunha distinción territorial nin se deixa de atender aos pacientes de calquera concello, nin tampouco se reduciu o número de concellos adscritos á unidade de HADO da Mariña”.

 

“Na valoración dos pacientes, tendo en conta criterios clínicos en función da súa patoloxía, desde o HADO da Mariña téntase atender ao maior número de persoas, con independencia do lugar de residencia dentro deste distrito sanitario”, asegurou Amigo.

 

Para rematar, lembrou que o servizo de hospitalización a domicilio é un complemento asistencial á hospitalización convencional, “polo que no caso de que un paciente ingrese en HADO este será atendido no servizo asistencial que requira a súa patoloxía”. “É un modelo de atención cara ao futuro, centrado nas necesidades do paciente e moi valorado tanto por eles como polas súas familias”, sinalou.